¿Por qué queremos tanto a Orbil?

É o lobo máis apreciado de Pontevedra polo seu carisma especial cheo de naturalidade e simpatía 
Orbil. DP
photo_camera Orbil. DP

Non hai mascota máis querida en Pontevedra que Orbil. O personaxe máis famoso do Salón do Libro, o lobo ao que todos os nenos e nenas queren saudar, o antagonista malvado convertido nun animal agarimoso, simpático e entrañable triunfa na cita arredor da literatura infantil e xuvenil dende hai 17 anos. Pero, en que consiste o segredo do seu éxito? Por que queremos tanto a Orbil?

"Eu traballo facendo libros para nenos e sabía que o lobo sempre xeraba certa atracción, nos encontros que faciamos cos rapaces, o conto Tío Lobo, de Xosé Ballesteros con ilustracións de Roger Olmos, era un dos que tiña máis éxito, por iso decidín facer un lobo cando me encargaron crear unha mascota para o Salón do Libro". Cóntao Kiko da Silva, pai de Orbil, que concibiu o personaxe en decembro de 2004. O ilustrador imaxinou un lobo moi diferente dos que adoitan aparecer nas historias tradicionais. No canto de devorar nenos ou cabritiños, tiña un apetito voraz polos libros, tanto que o seu pelo eran letras. Non daba medo e o seu aspecto era amable e agarimoso. O seu propio nome, libro ao revés, é unha declaración de intencións: a mascota da feira literaria vive dos libros, lévaos no seu ADN.

"Cando se deseña unha mascota búscase que perdure no tempo, que se identifique moi ben co evento que representa, e que teña éxito, por suposto, se non o tivera sería un fracaso pola miña parte", explica Da Silva. "Pensei que a idea dun lobo bo podía funcionar". E funcionou. Só é preciso acudir a calquera evento no que Orbil estea presente para comprobar canto o queren. No ano no que houbo que limitar os bicos e as apertas, nótase especialmente o desexo de recuperar o contacto coa mascota do Salón do Libro.

A idea de Kiko da Silva materializouse poucos anos despois nun Orbil fóra do papel, enorme visto dende a estatura dun cativo, e deseñado polos profesionais de Galitoon Muppets. Óscar Ferreira, titiriteiro e deseñador de títeres que agora forma parte da compañía Baobab Teatro, foi daquela un dos artistas que deu vida a Orbil a partir do deseño de Kiko da Silva. "Tocoume facelo con Santiago Alonso, que naquel momento era o xefe de taller, recordo que foron tres meses de traballo poñéndolle moito cariño", conta Ferreira. O deseño do actual traxe de Orbil chegou despois dunha primeira versión, elaborada por Estela Mariño, segundo recorda o integrante de Baobab.

Un dos elementos que máis custou trasladar do papel ao actual traxe de Orbil foi a dimensión do seu rabo. "No debuxo vese un rabo enorme sostido por unha base moi estreita, que é a que o une ao corpo, iso na realidade é moi difícil porque é moito peso contra a gravidade, a Orbil o rabo chégalle ata a cabeza", apunta Ferreira. Precisamente esta parte do corpo da mascota é unha das que ten máis éxito, xa que os nenos e as nenas adoran xogar a tirarlle do rabo ao lobo, un costume que fai que, nos primeiros anos, Orbil tivese que ser remendado en varias ocasións para asegurar a súa cola.

"O resultado é satisfactorio, eu sei que tanto Galitoons como as persoas que se meten na pel de Orbil para interpretalo captaron moi ben a idea do personaxe, ademais noto que en todo este tempo non perdeu a esencia e segue sendo recoñecible ao ver o meu debuxo", conta Da Silva.

Para Ferreira, unha parte importante do éxito de Orbil é a proxección que lle dá a propia organización do Salón do Libro. "Sempre hai un momento para Orbil, para que os pequenos interactúen con el. As persoas que se encargan del danlle ese punto divertido que conecta con todo o mundo", explica. Un exemplo deses momentos Orbil podería ser o vídeo no que a mascota se vacina contra o coronavirus, que foi publicado nas redes sociais do Salón do Libro nesta edición. "Hai que ter en conta que xa hai unha xeración de adultos da cidade que medrou con Orbil, xa forma parte da vida e dos recordos de nenez dos pontevedreses", di Ferreira.

Unha pata fundamental á hora de artellar o carisma de Orbil son os monitores que lle dan vida. Non sempre é o mesmo e adoitan cambiar debido ao peso do traxe e a calor que provoca. Laura Otero é unha das encargadas de meterse na pel do lobo este ano. "Ao principio custa collerlle o truco, o traxe pesa, pasas moita calor, sobre todo se te moves, e ás veces custa ter visibilidade, porque só podes ver pola boca e se hai moitos nenos ao teu arredor tes que ter coidado de non tiralos", explica.

Unha xeración de adultos da cidade medrou xa con Orbil, "forma parte dos seus recordos e da súa vida", apunta Óscar Ferreira

A reacción dos cativos ante Orbil é sempre a mesma. "Sorpréndense, tíranche do rabo e fíxanse moito nos seus pés porque son grandes", explica. Ademais, a pregunta máis habitual cando os pequenos chegan ao Salón é: "onde está Orbil?". Non sempre está, pero a mascota adoita aparecer ao rematar os espectáculos para saudar. "Os nenos botan en falta o agarimo, poder abrazalo... Eu intento xogar con eles, sorprendelos... pero non é o mesmo. Estamos recibindo moitas cartas dos nenos que nos din que teñen moitas ganas de volver tocalo e estar con el", conta.

Ferreira apunta a importancia de que o traxe permita moverse con certa liberdade para darlle naturalidade á mascota. "Pode pegar chimpos e iso dá sensación de realidade, aí actívase esa relación de amor-odio que teñen os pequenos, que se sorprenden ante algo e ao mesmo tempo teñen medo. Iso ocorre porque Orbil está vivo, ten personalidade. É maxia", resume Óscar Ferreira

Homenaxe a Kiko Da Silva e Helena Villar Janeiro


O Salón do Libro celebrou este sábado unha homenaxe ao ilustrador Kiko Da Silva e á escritora Helena Villar Janeiro. Francisco Castro fixo a laudatio de Villar Janeiro destacando a súa labor pioneira na literatura infantil e xuvenil e no ensino. Ademais, o acto acolleu un recital de poemas. Pola outra parte, O escritor Manuel Lourenzo destacou o talento de Da Silva e a súa entrega á banda deseñada. Ao acto non faltou Orbil.

Mimos contra os desperfectos


O ano pasado, antes de decretarse o Estado de Alarma, unhas pintadas sobre unha das esculturas de Orbil mobilizou aos máis pequenos para colocarlle á mascota uns apósitos que a curasen.

RAFA A PEREGRINA: arranxos da escultura de Orbil que foi danada a fin de semana

Un lobo que tamén se vacina


Un dos vídeos con máis repercusión nas redes sociais este ano é o que amosa á mascota do Salón do Libro recibindo a vacina contra o coronavirus. Orbil entrou no recinto feiral, sen disimular a súa preocupación, para recibir tamén a dose que lle correspondía.

O deseño orixinal de Kiko Da Silva


Un lobo bo e agarimoso, ao contrario do que adoita acontecer nos contos tradicionais. Esa foi a idea de Kiko da Silva da que xurdiu a mascota do Salón do Libro. Sobre estas liñas, ilustración de Orbil realizada polo debuxante, homenaxeado onte na feira. O debuxo data do ano 2004 e a figura de Orbil foi collendo pulo dende entón ata converterse no protagonista do encontro.

Cartas a Orbil no canto de apertas
Unha morea de nenos e nenas escriben este ano misivas ao lobo máis famoso de Pontevedra para recordarlle o moito que o queren e as ganas que teñen de darlle unha aperta. Os protocolos establecidos para controlar a expansión da covid-19 non fan posible que se celebren as mesmas actividades que outros anos e achegarse a Orbil é máis complicado en pandemia. Por iso moitos colexios dan a posibilidade de enviarlle á mascota do Salón do Libro unha carta.
Á dereita deste texto, unha das misivas que chegou a Orbil nos últimos días. Os pequenos botan en falta as visitas do lobo ás aulas que eran habituais en anteriores edicións. "Cando veñas vernos vaste facer moi amigo de Rosi, a nosa mascota, á que tamén lle gustan moito os libros", explican os pequenos do Sagrado Corazón.

Axenda
O XXII Salón do Libro remata hoxe con actividades todo o día e un espectáculo de clausura ás 19.00 horas no Pazo da Cultura. Titúlase Rock para cambiar o mundo e será retransmitido por streaming. 

Comentarios