Cun cheo absoluto (as entradas levaban días esgotadas) recibiu Pontevedra, onte, ao cantautor madrileño Quique González, que foi o encargado de abrir este ano o ciclo Voices no Pazo da Cultura. O artista presentou en directo os temas do seu último traballo, Las palabras vividas, un proxecto que desenvolveu xunto ao seu amigo, o poeta Luis García Montero.
González conmoveu ao público que ateigaba o auditorio do Pazo da Cultura cunha proposta intensa e intimista centrada na interpretación das cancións que xurdiron ao musicar os versos escritos ex profeso polo autor granadino para este disco.
"Las palabras vividas é unha obra inusual, na que Quique González se enfronta quizais a un dos maiores retos da súa carreira, o de asumir como propia a voz do seu amigo Luis García Montero que, á súa vez, cede o seu corazón poético para que palpite no peito do músico", explicaban as promotoras do ciclo, Art Music e i-Radia Crea, sobre a proposta.
O de Quique González é o primeiro concerto do ciclo Voices, que continuará en xuño cos norteamericanos The Jayhawks e rematará en outubro da man de Guadi Galego, que pechará en Pontevedra a xira de Immersion.