lunes. 21.06.2021 |
El tiempo
lunes. 21.06.2021
El tiempo

Elas racharon o teito dos Nobel de ciencias

Alumnado de 1º de Bacharelato do Frei Martín Sarmiento diante da mostra sobre as científicas que teñen un Premio Nobel. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Alumnado de 1º de Bacharelato do Frei Martín Sarmiento diante da mostra sobre as científicas que teñen un Premio Nobel. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento realizou unha exposición sobre as 24 mulleres recoñecidas co galardón nas categorías científicas co gallo do 8-M

A DESCUBRIDORA dos buracos negros (Andrea Ghez), a do polonio e o radio (Marie Curie), a dos factores de crecemento (Rita Levi-Montalcini) ou a descubridora do VIH (Françoise Barré-Sinoussi) son só catro das 24 mulleres que ó longo da historia foron recoñecidas co Premio Nobel en categorías de ciencias básicas desde o ano 1901.

Para coñecer a realidade das científicas premiadas co prestixioso galardón sueco, estudantes de 1º de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento elaboraron unha completa exposición con imaxes, información e citas das mulleres que ó longo da historia se fixeron co Nobel.

A idea partiu do Club de Ciencias onde os profesores Chus Doval, Alberto Linares e Aida Quintillán puxeron en marcha a iniciativa coincidindo coa celebración do 8-M e do Día da Nena na Ciencia. Deseguida o alumnado se implicou na procura da información e no deseño e desenvolvemento desta mostra que se pode ver no instituto.

Baixo o título Científicas galardoadas co Premio Nobel, a mostra recolle 24 pósters arredor doutras tantas científicas das áreas de Fisioloxia Medicina, Física, Química e Economía que acadaron o premio. "Pareceunos moi boa idea", relata Inés Bará desde o instituto, unha das alumnas que participou na proposta. "Comenzamos por buscar información dos proxectos. Pasámolo moi ben facendo os traballos", engade.

Un dos personaxes que máis lle chamou a atención a outra das alumnas, Ana Buceta, foi Youyou Tu, primeira muller china en obter o Nobel que baseou todos os seus descubrimentos na medicina tradicional china. "Nós estamos acostumados á medicina de laboratorio, a solucionalo todo con pastillas e foi moi interesante atopar un avance que parte da medicina tradicional china", di.

Martín Franco foi o artífice do deseño de cada un dos pósters que integran a exposición. "Tiña que ser moi visual e a min ocorréuseme a idea de poñer figuras xeométricas no póster que quedaba moi atractivo e separar a fotografía. Logo engadimos unha frase de cada muller e despois en grande arriba o nome da científica. A profe ensinoulles o meu deseño ó compañeiros para que todos tivesen a mesma liña", explica sobre a elaboración da mostra.

"Foi moi gratificante traballar con eles", recoñecen pola súa banda os profesores, que aseguran que o mérito é todo dos vinte estudantes de primeiro de Bacharelato. "Só agardo que se motivaran de cara a investigación", subliña Chus Doval. "Ogallá nun futuro algún deles acade un premio, Nobel ou outro, pero sobre todo que disfruten do proceso, porque como dixo Maria Goeppert Mayer (Nobel de Física en1963), foi máis emocionante facer o descubrimento que recibir o premio", engade.

Ademais de coñecer ás investigadoras, Ana e as súas compañeiras chaman a atención sobre algo que pon de relevancia esta mostra. "Se aínda a día de hoxe é necesario reivindicar o tema da igualdade imaxínate naqueles tempos. É un pouco triste que ó longo da historia fosen tan só esas poucas mulleres. Ningunha española recibiu o Nobel", conclúe Ana.

Elas racharon o teito dos Nobel de ciencias
comentarios
ç