Rafa Domínguez critica a "nula promoción" da Semana Santa de Pontevedra 

O candidato do Partido Popular á Alcaldía da cidade asegura que o programa é "marabilloso"

Rafa Domínguez. RAFA FARIÑA
photo_camera Rafa Domínguez, este sábado. RAFA FARIÑA

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, criticou ao goberno local pola "nula promoción" da Semana Santa que se celebra na cidade do Lérez.

Rafa Domínguez percorreu este luns un tramo do Camiño Portugués a Santiago xunto ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a candidata do PP ao Senado, Pilar Rojo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores. "Temos unha Semana Santa marabillosa pero boto en falta promoción por parte do BNG de Lores", reprocha o candidato popular ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Para os populares, a Semana Santa de Pontevedra está entre as máis importantes de Galicia, polo que se debería "establecer sinerxías para que poida ter o mesmo nivel de coñecemento que outras" como Ferrol ou Viveiro.

Domínguez lamenta que os nacionalistas se "esquezan" de promocionar este evento relixioso, "porque iso implicaría máis turismo e, polo tanto, máis emprego para a cidade".

Rafa Domínguez aposta pola potenciación turística da Semana Santa de Pontevedra como un factor máis para a xeración de emprego, desestacionalizando as visitas á Boa Vila "para que os hostaleiros teñan traballo durante todo o ano e non só no verán".

Domínguez tamén avoga por aproveitar as oportunidades que ofrece o Camiño Portugués. Para iso, pide a implicación de todas as institucións para que Pontevedra sexa a súa "capital" e a referencia, xa que "o Camiño de Santiago é un produto cultural e espiritual, pero tamén ten unha transcendencia económica importante", asegurou.

Comentarios