Rafa Domínguez expón á conselleira do Mar desatascar o dragado do Lérez

O alcaldable do PP en Pontevedra se reunión coa conselleira Rosa Quintana co "fin de espremer o potencial económico" da ría

Rafael Domínguez. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Rafael Domínguez. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, na que ademais de tratar outros temas, expúxolle a necesidade de desatascar o proxecto de dragado do río Lérez, en Pontevedra.

Segundo informa o PP de Pontevedra nun comunicado, Rafa Domínguez destaca a necesidade de Pontevedra de reactivar "con urxencia este plan para poder así espremer ao máximo todo o potencial económico" que ofrece a ría, "tanto para o sector do mar como para o sector turístico". 

Ademais, o candidato popular móstrase convencido de que "traballando desde o consenso, coa participación de todos os sectores implicados neste asunto, poderase sacar adiante o proxecto". 
"O dragado do Lérez repercutirá positivamente non só nos bancos marisqueiros da zona, tamén permitirá mellorar o calado dos barcos de recreo co consecuente beneficio turístico que iso nos reportaría", sinalou Rafa Domínguez, que puxo en valor que supón unha "fonte de riqueza importante" para a comarca que non se está "sabendo valorar".

Tamén destacou que o municipio pontevedrés necesita "un importante impulso económico": "Non debemos deixar de pór todos os medios que estean da nosa man para logralo. Con esforzo, traballo e diálogo poderemos devolver a Pontevedra a posición económica que nunca debeu perder", engadiu.

Doutra banda, o Partido Popular informou que Rafa Domínguez incluirá "a súa aposta polo dragado do río Lérez" no proxecto Abrir Pontevedra á ría que presentará nas próximas semanas.

Esta é unha medida, incluída no marco do programa Pontevedra en Positivo, co que o candidato "está a debullar as súas apostas para a Alcaldía de Pontevedra e co que xa lanzou as ideas sobre cultura, Camiño de Santiago, Monte Porreiro ou o contrato co rural. 

Comentarios