Rafael Louzán: "Condénaseme por ser o presidente da Deputación, non porque haxa probas"

Está convencido de poder demostrar a súa inocencia no recurso que presentará ante a Audiencia Provincial
Rafael Louzán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Rafael Louzán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O actual presidente da Federación Galega de Fútbol e expresidente da Deputación, Rafael Louzán, avanzou este venres, a través dun comunicado, que recorrerá a sentenza que o condena a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude.

No seu escrito, Louzán remarca que o fallo "non é firme", polo que ten o "convencemento claro" de poder demostrar a súa inocencia no recurso que presentará ante a Audiencia Provincial. "Tal e como testificaron todos os técnicos das distintas administracións implicadas, testemuñas, funcionarios e peritos, que acreditaron en sede xudicial a corrección do procedemento seguido e da execución da totalidade das obras proxectadas", agrega.

"No entanto, a xuíza que emitiu a resolución xudicial condenatoria, en primeira instancia, non o entendeu así, considerándome responsable no procedemento administrativo polo mero feito de ser a máxima autoridade da Deputación de Pontevedra nese momento, e en ningún caso, tal e como se indica por parte da xuíza, porque haxa probas que evidencien coñecemento e/ou participación pola miña banda nos feitos", argumenta o responsable federativo.

Agrega que este fallo se refire a unha actuación que provén dun convenio inicial co Concello de Moraña en 2011 para unha infraestrutura deportiva para beneficio dos cidadáns", e recorda que "as obras que deron lugar a esta actuación xudicial tiñan un orzamento de execución de 71.332 euros máis IVE, executadas na súa totalidade, tal e como recoñece a sentenza". 

"Para rematar, a miña actuación neste procedemento, do mesmo xeito que ao longo de toda a miña traxectoria, rexeuse polo único interese de buscar o beneficio dos cidadáns e da provincia de Pontevedra", conclúe.

APOIO TOTAL DA FEDERACIÓN. A xunta directiva da Federación Galega de Fútbol mostrou o seu total apoio ao seu presidente tras a sentenza condenatoria que, matiza, refírese á súa etapa como presidente da Deputación pontevedresa.

"De xeito unánime, queremos mostrar o noso apoio público e total ao presidente da RFGF pola xestión realizada durante estes anos e que continúa levando a cabo á fronte do ente federativo", sinala a súa directiva.

Apunta que "é un expediente iniciado no ano 2011 e polo tanto alleo á xestión federativa" e recorda que o seu actual presidente accedeu ao cargo en 2015 co "respaldo maioritario" do fútbol galego e foi referendado "de xeito rotundo" no ano 2018.

A Federación Galega de Fútbol asegura que "como non pode ser doutro xeito" opta por respectar a presunción de inocencia de Rafael Louzán. Os directivos engaden que confían "plenamente" en que o recurso que presentará Louzán ante a Audiencia termine anulando esta sentenza.

Comentarios