Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Reclaman máis baños adaptados para ostomizados máis aló do ámbito sanitario

Víctor Loira foi recibido no hospital de Montecelo. GONZALO GARCÍA
Víctor Loira foi recibido no hospital de Montecelo. GONZALO GARCÍA

ASSEII e a EOXI aproveitan o reto de Víctor Loira para subliñar a necesidade de que a sociedade se esforce en integrar a todos os pacientes

"Os problemas de saúde non só afectan ao sistema sanitario. Toda a sociedade ten que facer un esforzo para integrar totalmente a calquera tipo de paciente e os baños adaptados para persoas ostomizadas son unha desas necesidades nas que todos temos que implicarnos. No hospital de Montecelo xa hai un e é un logro, pero oxalá haxa máis en máis lugares: en restaurantes, en hoteis e en ámbitos sociais que non sexan soamente o sanitario".

Esta foi unha das peticións que lanzaron o xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez; o xefe do Servizo Dixestivo do CHOP, Juan Turnes, e sobre todo os representantes da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados ASSEII Ángela Paz e Víctor Loira.

Este último visitou este luns o centro hospitalario de Montecelo como penúltima parada dentro da súa ruta de máis de 1.300 quilómetros en bicicleta e monopatín ao longo e ancho de Galicia para visibilizar ao colectivo de pacientes e as súas doenzas. Do mesmo xeito que fixera o domingo na súa chegada á capital do Lérez, Víctor Loira volveu agradecer o apoio recibido por parte do seu equipo e de todos os cidadáns que se implicaron coa súa causa. Así mesmo, aproveitou para reiterar a necesidade de contar con máis aseos preparados para persoas con bolsas de ostomía e sinalou que este reto contribuirá a conseguilo. De feito, en Pontevedra o Concello xa está a realizar obras no Pavillón Municipal de Deportes que incluirán a adaptación dos baños e tamén se prevé levar a cabo unha actuación similar no Teatro Principal.

O deportista finalizou o luns o seu itinerario en bicicleta e monopatín por Galicia visitando os hospitais de Montecelo e de Santiago

 

"No Concello de Ourense o alcalde tamén se comprometeu a poñer servizos adaptados en tres lugares", indicou Loira.

PETICIÓNS. Do mesmo xeito que el, o xefe do Servizo Dixestivo do CHOP sinalou que "pequenos pasos, como permitir que os pacientes con enfermidades inflamatorias intestinais poidan acceder a aseos en bo estado, son importantes" e subliñou que "é necesario un esforzo integrador no que colaboremos non só os pacientes, as asociacións e a contorna sanitaria, senón toda a sociedade".

O xerente da EOXI incidiu en que o reto de Víctor Loira ten dúas mensaxes principais: "Un dirixido aos pacientes, porque é un exemplo de superación, e outro dirixido á sociedade", dixo.

Pola súa banda, a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, engadiu que "dar visibilidade ás enfermidades inflamatorias intestinais e ás persoas ostomizadas é abrir unha porta a moita xente que non se atrevía a dar o paso".

Loira, que logo de Montecelo desprazouse ata o hospital de Santiago para dar por concluído o seu itinerario como unha seda, indicou que "foron moitas horas de adestramento e de reto, pero deron o seu froito. Houbo días máis fáciles e outros máis difíciles, como cando se me rompeu a bolsa, pero creo que o obxectivo se cumpriu".

Tamén destacou a importancia de que todas as persoas fagan exercicio aínda que padezan algunha doenza.

Reclaman máis baños adaptados para ostomizados máis aló do ámbito...
Comentarios