A recollida de residuos para compostar chegará o 6 de xullo ao centro histórico e o ensanche

O Concello afirma que o plan 'Composta' está a ter unha "acollida moi positiva" entre os establecementos comerciais de Pontevedra

Raimundo González Carballo, na rolda de prensa deste martes. CONCELLO
photo_camera Raimundo González Carballo, na rolda de prensa deste martes. CONCELLO

A Concellaría de Residuos que dirixe Raimundo González Carballo, xa ten data para poñer en marcha Compostao plan experimental de recollida de biorresiduos no centro histórico e no ensanche da cidade. Será o 6 de xullo cando os colectores estean na rúa e o camión pase a recoller os primeiros restos.

O concelleiro responsábel do departamento explicou na mañá deste martes que o luns, na Xunta de Goberno Local, aprobouse a ampliación do contrato coa empresa concesionaria, Cespa, e pola tarde comezaron as visitas aos produtores singulares.

Ao respecto da modificación do contrato, supón no primeiro ano 540.000 euros (440.000 euros + 99.000 euros de tratamento dos residuos en planta de compostaxe) e no segundo, 458.000 euros (358.000 euros + 99.000 de tratamento). A continuidade do proxecto xa estaría enmarcado dentro do futuro contrato do lixo de Pontevedra.

CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN. O proxecto arrancou na rúa coa campaña de sensibilización a través das primeiras visitas aos establecementos comerciais (supermercados, restaurantes, froiterías, panaderías…) en dous ámbitos: Alameda-Colón-Echegarai, e no centro histórico.

"A acollida foi moi positiva", explicaba Raimundo González quen indicou que nunha tarde se fixeran 27 visitas a establecementos, dos cales 23 asinaron a carta de adhesión (o resto precisaban consultalo cos responsables dos locais).

Para este cometido, a empresa dispón de dúas persoas que van visitando os produtores singulares en horario de mañá e de tarde. Informan sobre os horarios de recollida, onde van estar os colectores, que poden e non poden depositar, o kit que se lles facilitará (tarxeta, colector e bolsas compostables). No impreso que se lles entrega tamén teñen que mencionar que tipo de colector solicitan; para estes produtores soe ser de 45 ou de 90 litros.

A campaña de sensibilización dos establecementos comerciais prolongarase durante 15 días, xa que a previsión é realizar arredor de 600 visitas.

A continuación, ou simultaneando coas visitas aos produtores singulares, farase a campaña aos particulares. Neste caso, a empresa tamén dará unha atención porta a porta nuns 3.500 domicilios.

COMPOSTA. Composta é un programa experimental de recollida de residuos orgánicos en vivendas e produtores singulares da cidade. É a terceira vía do programa de compostaxe voluntario e totalmente gratuíto, que recollerá biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo unha ruta de recollida.

Composta disporá dun camión específico de recollida; entre catro e cinco traballadores en exclusiva para este servizo experimental; entre 60 e 65 colectores de cor marrón instalados nas Illas de reciclaxe da ruta; cubos domésticos de distinta capacidade en función do tipo de participante (sete litros, 45 ou 90 litros) que se entregarán de balde a todas as persoas e establecementos que queiran participar, ao igual que bolsas compostables para os produtores e particulares que se sumen ao proxecto; e unha chave electrónica.

Comentarios