A reforma das sedes do Museo espera un informe de Costas

A modificación do Peprica para facer máis flexibles as obras no centro histórico de Pontevedra péchase sen ningunha alegación
undefined
photo_camera Edificio García Flórez. RAFA FARIÑA

A primeira fase das obras de reforma das sedes centrais do Museo Provincial, centradas nos edificios García Flórez e Castro Monteagudo, está á espera dun informe de Costas. O edil de Infraestruturas, Cesáreo Mosquera, confía en que este ditame, que tachou de "folclórico" pola súa nula relación co proxecto, se desbloquee en breve para poder deseñar a rehabilitación dos citados inmobles.

O edil do BNG informou tamén de que o Concello pechou o trámite de información pública para a modificación do plan de protección do centro histórico de Pontevedra, o Peprica, que será fundamental para levar a cabo esta actuación. A fase de exposición terminou o pasado xoves e fíxoo sen ningunha alegación. Esta situación non só facilitará as obras no Museo, senón tamén no resto de edificacións da zona vella, posto que o novo Peprica fará máis flexibles algúns dos requisitos que agora se pedían para executar certas rehabilitacións.

Unha vez superado este trámite, a Deputación, da que Mosquera é vicepresidente, terá as mans libres para elaborar o proxecto definitivo para García Flórez e Castro Monteagudo.

Mosquera reitera que haberá unha conexión subterránea menor entre García Flórez e Castro Monteagudo, que serán rehabilitados

O concelleiro nacionalista reiterou, tal e como había informados xa a institución provincial a principios de outubro, de que a rehabilitación dos dous edificios comezarán a mediados de 2022 se non existe ningún contratempo. A intervención ten como obxectivo recuperar a esencia histórica de ambos os inmobles, "quitándolles as capas que teñen enriba".

A conexión subterránea entre ambas as sedes será ampliada, pero menos do previsto inicialmente debido á futura incorporación do convento Santa Clara ao Museo Provincial. A obra, que podería concorrer aos fondos europeos, contará cun orzamento de 6 millóns de euros.

A segunda fase do proxecto intervirá no terceiro edificio museístico, o de Fernández López, que tamén será rehabilitado. A construción dun túnel entre este inmoble e o seu contiguo, o de Castro Monteagudo, tampouco se descarta do todo, aínda que o proxecto non será tan agresivo como o ideado inicialmente, que supuxo o rexeitamento dos veciños do centro histórico e de formacións como o PP.