Os Reis Magos buscan cómplices para que ningunha crianza quede sen xoguete en Reis

O Concello de Pontevedra retoma o programa (en)Volve, no que en 2022 participaron 455 persoas
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Unha muller mira un boneco nunha tenda Juguettos en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO / ARQUIVO

O Concello de Pontevedra retoma nestas datas o programa (en)Volve para que ningunha crianza ou adolescente en situación ou en risco de exclusión social quede sen o seu agasallo neste Nadal. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías fai un chamamento á cidadanía pontevedresa para que colabore como cómplice dos Reis Magos e esta edición volva a ter o éxito da pasada.

Como novidade, segundo informou o Concello, a empresa Juguettos colabora coa campaña nas súas tendas de Pontevedra. Realizará un 10% de desconto aos cómplices que amosen a súa carta e merquen un xoguete da súa marca propia.

Como en anos anteriores, para facilitar a participación no programa e axilizar o proceso, enviaranse as cartas por Whatsapp acompañadas de toda a información precisa. Entre as instruccións figuran que hai que escoller un agasallo dos tres que figuran na carta, o prezo máximo do regalo para cada persoa é de 35 euros e pode ser dunha marca semellante á especificada na carta. Unha vez mercado o agasallo, debe entregarse na Casa Azul (Rúa Sor Lucía, 2) nun prazo máximo de dúas semanas trala recepción da carta. É importante que leve o número da carta xunto co agasallo e deberase acompañar o agasallo co ticket por se fose necesario cambialo por estar defectuoso.Non se deben enviar agasallos a través de mensaxería, xa que dese xeito non se pode localizar e pode quedar sen entregar.

Apoio ao comercio local: gasto de 15.000 euros en 2022

O programa (en)Volve anima a mercar os agasallos no comercio local. Para resolver calquera dúbida pódese contactar co Servizo por whatsapp no número 606987743. Os cómplices deben ser conscientes do compromiso que adquiren participando na campaña, por iso no caso de ter dúbidas de participar, é mellor non inscribirse. O formulario de inscrición está nesta dirección web.

No Nadal de 2022 colaboraron coa campaña 455 persoas e 427 crianzas e adolescentes recibiron un agasallo novo na noite de Reis. Ademais, a maior parte dos agasallos mercáronse no comercio local, o que supuxo uns ingresos duns 15.000 euros.

Comentarios