Os Reis Magos deixaranse ver cunha cabalgata deconstruída en Pontevedra

Dende as 11.00 ata as 21.00 horas visitarán o centro e as parroquias, pero non pararán nin repartirán caramelos
Cabalgata de Reis 2021 deconstruída de Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Pontevedra celebrará unha Cabalgata de Reis deconstruída. CONCELLO

A Concellaría de Festas, que dirixe Carme da Silva, ultima a chegada dos Reis Magos de Oriente o vindeiro martes 5 de xaneiro, cunha cabalgata deconstruída que permita garantir as condicións de seguridade sanitaria requeridas pola covid. Así, as súas Maxestades percorrerán o centro urbano e as parroquias do rural cunha marcha que comezará ás 11.00 horas e se prolongará ata as 21.00 horas. 

Melchor, Gastar e Baltasar irán escoltados pola Policía Local, facendo un percorrido de mañá polas parroquias de Alba, Verducido, Santo André e Santa María de Xeve, Monte Porreiro, Bora, Campañó, Cerponzóns e Lérez. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, estarán nas parroquias do sur: Canicouva, Ponte Sampaio, Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo e Tomeza..

Deste xeito, a comitiva real circulará a un ritmo moi lento, pero non se parará en ningún momento nin repartirá caramelos, como soe ser tradición.

A Concellaría de Festas pretende con esta cabalgata deconstruída que todos os cativos e cativas de Pontevedra poidan ver a tan agardados persoeiros e que se cercionen de que o día 6 terán os agasallos nas súas vivendas, xa que Melchor, Gaspar e Baltasar non se esqueceron de Pontevedra.

Comentarios