Renfe ofrece cinco prezos, desde 15 a 70 euros, para viaxar en Ave de Pontevedra ata Madrid

Haberá sete frecuencias entre as 6.06 horas ata as 18.52 para saír desde Pontevedra e o último tren para regresar de Madrid sairá ás 19.15
Imagen de los nuevos trenes. EFE
photo_camera Imagen de los nuevos trenes. EFE

Cando se estreou a Ave a Sevilla, o 14 de abril de 1992, a primeira liña ferroviaria de alta velocidade en España definiuse como un servizo capaz de achegar calquera punto a Madrid nun prazo de tres horas. Nacía así unha incipiente competencia para as liñas aéreas que Galicia, trinta anos despois e, polo menos de momento, non gozará.

Desde o 21 de decembro, suponse que as grandes cidades galegas estarán unidas á capital do Estado por unha Ave. Pero na práctica, o que Renfe deixou entrever este martes no seu taboleiro de reservas é algo distinto. Para os pontevedreses haberá ata sete horarios para ir a Madrid e tamén para volver (aumentan dúas frecuencias), pero os tempos de viaxe serán de catro horas os máis rápidos e de seis e media os máis lentos.

Será así porque o ancho de vía en Galicia non será internacional, xa que está decidido aproveitar o trazado para o transporte de mercancías. E os novos trens Avril que se adaptarán ao ancho galego de xeito automático non estarán dispoñibles antes de xuño do 2022. Ata entón, as viaxes desde Madrid a Ourense faranse en 2.15 horas, o Vigo-Madrid en 4.16 h, o Pontevedra-Madrid en 4.00 h, Santiago-Madrid: en 3.20, A Coruña-Madrid en 3.51, Ferrol-Madrid en 5.08 e Lugo-Madrid en 4.46.

E cando os Avril funcionen reducirán estes tempos en 20 minutos. é dicir, que coa excepción de Ourense e Santiago, o resto de cidades galegas empregarán máis de tres horas en chegar á capital de España.

Os novos trens rápidos disporán de restaurante, posibilidade de asentos confort e ampliarán o servizo de menores que viaxan sos

A outra interrogante era a formada polos prezos e as frecuencias. E este martes despexouse a incógnita. Desde Pontevedra poderase tomar un tren rápido a Madrid ás 6.06 da mañá, ás 8.15 horas, as 9.30, as 13.36, as 15.34, as 17.25 e as 18.52 (as saídas varían os fins de semana). E o regreso desde Madrid poderá ser ás 6.20, 8.00, 11.20, 13.25, 14.30, 16.00, 17.45 e as 19.15 horas.

Os servizos máis rápidos empregarán catro horas xustas en cubrir o traxecto; os máis lentos, seis horas e media, lonxe todos eles do obxectivo das tres horas.

Os prezos oscilarán entre os 15 euros da promoción de lanzamento (para 250.000 viaxes entre o 21 de decembro e o 12 de setembro de 2022), ata os 69.60 euros do billete premium que se podía adquirir para os primeiros traxectos nun tren Alvia.

Cando estean operativos os trens Avril de ancho variable, os prezos poderían encarecerse ata un 25% segundo as estimacións dos técnicos.

De momento, Galicia estreará novos servizos Ave que se prestarán con material Talgo da serie 112. Entre Madrid e Ourense circularán dúas Ave por sentido (excepto os sábados, que circulan dous trens Ourense-Madrid e un Madrid-Ourense, e os domingos, que circulan un Ourense-Madrid e dous Madrid-Ourense).

Créanse novos servizos Alvia entre A Coruña e Madrid (un por sentido). Circularán a diario, excepto os sábados. A conexión entre as dúas cidades pasa de dúas a tres trens por sentido.

Ponse en marcha un novo servizo Alvia entre Vigo e Madrid por sentido, con parada en Pontevedra e Vilagarcía. Os servizos con Pontevedra/Vigo pasan de tres a catro, mentres que Vilagarcía pasa dun a dous servizos. Madrid-Vigo é diario, excepto domingos, e Vigo-Madrid diario, excepto sábados. Doutra banda, o tren que ata agora facía o percorrido Madrid-Santiago-Pontevedra, prolongará o seu percorrido, iniciando ou finalizando o seu traxecto en Vigo Urzáiz.

Habilítase un novo servizo Intercity Lugo-Ourense por sentido con material S/730 para que os viaxeiros lucenses poidan enlazar cos servizos AVE ou Alvia na estación ourensá, permitindo un novo servizo Madrid-Lugo con enlace en Ourense.

Para rematar, Renfe establece un servizo Avant por sentido con material S/121 entre Ourense e A Coruña para enlazar cos servizos Ave. Circulará todos os días, excepto os sábados, entre Ourense-A Coruña e os domingos entre A Coruña-Ourense.

Ao aumento de frecuencias, redución de tempos de viaxe e prezos promocionais únese como novidade a incorporación de servizos a bordo que, de momento, estarán dispoñibles unicamente para trens Ave.

Habilítase o servizo de restauración a bordo, que o viaxeiro pode adquirir no momento da compra do billete. Tamén se activan para estes trens os billetes Prémium, que ofrecen unha viaxe con todos os extras incluídos (asentos confort para gozar de máis espazo e comodidade, o servizo de restauración e a mellor política de cambios e anulacións). E amplíase o servizo de menores sen acompañante para que nenos entre 6 e 13 anos poidan realizar a viaxe sos, baixo a supervisión do persoal de Renfe a bordo do tren.

Horarios Ave

Comentarios