Reservas de auga a lume de biqueira en toda a comarca para afrontar a primavera

As copiosas choivas dos últimos días sitúan o encoro do Pontillón ao 100 por 100 da súa capacidade 
Imagen de la cascada del río Barrosa. RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxe da fervenza do río Barrosa. RAFA FARIÑA

As copiosas choivas que afectaron a Pontevedra e á súa comarca nas primeiras semanas de 2021 serviron para encher ata os topes as reservas de auga das que dispoñen as autoridades competentes para o abastecemento doméstico e industrial. Tanto é así que o estado dos encoros supera con fartura o do ano pasado na demarcación Galicia-Costa (que se acha a un 94 por cento da súa capacidade, polo 86 que presentaba fai 12 meses). A situación é aínda mellor en Pontevedra e na súa zona de influencia, xa non só polo nivel de reserva que presenta a presa do Pontillón de Castro, que loce un 100 por 100 segundo os últimos datos que ofrece Augas de Galicia, senón tamén polo caudal do río Lérez, que, con máis de 61 metros cúbicos por segundo, é un 30 por cento superior que no mes de febreiro de 2020. O seu nivel, paralelamente, tamén é moito maior, alcanzando unha cota superior aos catro metros, algo que non se recordaba nos últimos anos no principal soporte hídrico da Boa Vila e da maior parte de poboacións da ría de Pontevedra.

Os encoros, fonte de problemas en períodos secos en anos precedentes, presentan un nivel envexable non só nas proximidades do Lérez, senón tamén no resto da provincia. Así, os que abastecen a Vigo e á súa área de influencia, Eiras e Forcadas, presentan datos superiores ao 80 por cento. A presa do Umia queda nun 70 por cento da súa capacidade, pero a de Vilagarcía supera o 90 por cento.

En canto á previsión meteorolóxica a curto prazo, os servizos de predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía e os especialistas de Meteogalicia coinciden en que estes últimos días de febreiro estarán dominados por unha presenza anticiclónica que, ademais de ausencia de precipitación, traerá consigo picos de temperatura realmente suaves, que poderían achegarse aos 20 graos nas horas centrais do día, tal e como ocorreu na xornada deste mércores. 

Esta situación variará lixeiramente na xornada deste xoves, que amencerá con ceos cubertos. Con todo, xa a partir do venres desaparecerán as nubes, as temperaturas subirán de novo e a posibilidade de precipitación será practicamente nula.

Así, e en vista das novas medidas que permiten os desprazamentos entre os municipios da área sanitaria, preséntase un fin de semana no que a praia é de novo unha opción real.

Comentarios