Retencións desde a Ponte das Correntes polo corte parcial ó tráfico en Domingo Fontán

A avaría dunha máquina atrasou o inicio das limitacións, que xeraron circulación lenta e atascos a partir de primeira hora da tarde
Un vehículo parado este luns no carril restrinxido ao tráfico. DAVID FREIRE
photo_camera Un vehículo parado este luns no carril restrinxido ao tráfico. DAVID FREIRE

As inmediacións da Ponte das Correntes rexistraron na tarde deste luns retencións e tráfico lento tralo corte dun dos carrís de circulación da Avenida Domingo Fontán, entre dita ponte e a Avenida de Compostela. Segundo informaron fontes oficiais, a avaría dunha das máquinas de obras obrigou a atrasar o inicio das limitacións ata primeira hora da tarde.

A previsión é que os cortes continúen nos vindeiros días, mentres se acometen estes traballos. A actuación está enmarcada na reforma da ponte do Burgo que, segundo se asegura desde o Concello, vai avanzando segundo o calendario previsto. A renovación de servizos implicará a reposición da rede de fecais, pluviais, subministro de auga, rede semafórica, rede de comunicación e rede eléctrica e de alumeado público. O investimento ronda os 77.000 euros.

A principal novidade radica na técnica que se utilizará na renovación da rede xeral de subministro de auga aos concellos da ría, que en vez de facerse abrindo unha gabia e cambiando as canalizacións, realizarase a través dun encamisado, unha técnica que se utilizará por primeira vez na cidade de Pontevedra. Esta decisión chega despois dunha proposta da empresa que está a executar a obra, E.C. Casas, froito dun labor de investigación da propia empresa e dunha avaliación exhaustiva por parte dos servizos técnicos municipais para determinar a súa eficacia.

Esta proposta técnica, moito menos agresiva que instalar un tubo novo, consiste en abrir un pozo de entrada e outro de saída para inserir por dentro dun tubo e fibrocemento FC 600 mm, un tubo de polietileno de 560 mm que vai soldado por termofusión, utilizando o sistema Relining ou entubado interior.

Oposición local á prórroga da gasolineira do Burgo
O Goberno local aprobou este lunes a presentación dunha alegación contra a prórroga da concesión de Costas solicitada por Repsol para a gasolineira do Burgo. O Concello argumenta tres cousas: "Que a propia Costas considera que o emprazamento non é idóneo, que a Xunta ten emitido informes dicindo que esa instalación xera algunha filtración contaminante que se debe atallar e que nestes momentos estamos poñendo en valor a Ponte do Burgo", informou Anabel Gulías.

ATOPAN OS RESTOS DA PLATAFORMA QUE ENLAZABA COA CABECEIRA NORTE DA PONTE DO BURGO

Atopan os restos da plataforma que enlazaba coa cabeceira norte da Ponte do Burgo. DAVID FREIRE

A empresa adxudicataria da reforma da Ponte do Burgo atopou varias pedras pertencentes á antiga plataforma peonil que daba acceso á cabeceira norte da Ponte do Burgo. O protocolo vixente empraza aos técnicos a abrir un expediente para rexistrar os achádegos antes de que proceder ao seu tapado.

Comentarios