Revenga solicita a Ciudadanos o arquivo do seu expediente

O concelleiro asegura que recibiu un trato "discriminatorio" e recorda casos parecidos na Cañiza ou A Coruña
Goyo Revenga. DP
photo_camera Goyo Revenga. DP

O concelleiro de Cs en Pontevedra Goyo Revenga solicitou ao seu partido o arquivo do seu expediente e a rehabilitación de todos os dereitos que preventivamente lle foron suspendidos, tras apoiar co seu voto os orzamentos do goberno municipal.

Nun comunicado, o edil da formación laranxa explica que se limitou a negociar "melloras no orzamento por máis de medio millón de euros, para fins sociais, e apoialos co seu voto".

Revenga considera "discutible" que un orzamento municipal deba ser valorado dentro da "estratexia nacional" do partido e cre que foi “claramente discriminado” por Ciudadanos.

"En numerosas ocasións, outros representantes de Ciudadanos deron o seu apoio a grupos políticos non acordes coa ideoloxía do partido e non foron expedientados. Recentemente, Ciudadanos e PP votaron a favor dos orzamentos cataláns con Junts per Catalunya, colectivo independentista, o cal non supuxo apertura de expedientes aos representantes de Cs no Parlament. Ao contrario, Cs argumentou que se trataba dun trámite habitual e de funcionamento interno do Parlament e non unha cuestión ideolóxica", indica no comunicado.

O concelleiro tamén asegura que, do mesmo xeito que neste caso, o seu voto a favor dos orzamentos municipais "non é pór en dúbida a fortaleza da nosa mensaxe de defensa da Constitución e a loita contra o independentismo”.

Outra situación singular, indica, deuse no Concello da Cañiza, onde o concelleiro de Cs deu a alcaldía ao PSOE sen que se lle abrise expediente. E cita outro caso: a concelleira de Cs na Coruña votou a favor dos últimos orzamentos municipais e non se lle abriu expediente. "Carecería por completo de sentido, do mesmo xeito que no meu caso”, afirma o portavoz municipal de Ciudadanos.

Comentarios