Rueda: "Seguiremos vendo posibilidades para que non se perda o emprego en Ence"

A Xunta remite ao Consello Consultivo a petición do Porto para quedar cos terreos de Ence e porá esta opción sobre a mesa de diálogo do venres
Trabajadores de Ence manifestándose durante la última mesa de diálogo sobre la empresa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Trabajadores de Ence manifestándose durante la última mesa de diálogo sobre la empresa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta puxo a contar o reloxo do Consello Consultivo, tras remitir este luns a este órgano a proposta de adscribir ao porto de Marín os terreos que ocupa a fábrica de Ence en Pontevedra. Os membros desta ferramenta de carácter xurídico deberán pronunciarse sobre a viabilidade desta opción, que podería garanter a continuidade de Ence na ría e tamén a dos seus empregos directos e inducidos –máis de cinco mil segundo as contas da propia empresa–.

é moi probable que o resultado que salga do ditame do Consello Consultivo non chegue a tempo para a terceira reunión da Mesa sobre o Futuro de Ence, que o Goberno central ten xa convocada para este venres en Pontevedra. Pero sen dúbida esta opción, exposta polos traballadores na última sesión de traballo da Mesa e asumida despois pola Xunta de Galicia, centrará boa parte do debate. Sobre todo porque a segunda cuestión de interese, que non é outra que o estudo de posibles alternativas de localización a Ence, parece unha vía obstruida desde o momento en que a firma pasteira non contempla outro traslado da súa produción que non sexa ao complexo industrial que posúe en Navia (Asturias), tras descartar cun informe da enxeñería Idom cada unha das preto de 400 opcións posibles en Galicia.

Para despexar a incógnita do futuro de Ence en Lourizán non falta unicamente ese ditame do Consello Consultivo sobre a posibilidade de adscribir o chan que agora ocupa a pé de ría á Autoridade Portuaria. Esta opción podería ser asumida por Portos do Estado, como aclararon hai uns días fontes desta institución. Pero de nada serviría se o Ministerio de Transición Ecolóxica non defende o cambio de titularidade dos terreos. E aquí é onde está o problema, xa que ata o momento, as únicas declaracións públicas de fontes deste departamento que dirixe a vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribeira, van na liña dunha taxativa negativa.

Hugo Morán, o secretario de Estado de Medio Ambiente, así o expresou cando o expuxeron os traballadores, apoiado tamén na súa lectura polo Concello de Pontevedra. Ambos se basean na suposta irregularidade que suporía unha actuación así para "burlar" a sentenza da Audiencia Nacional contra a prórroga de Ence na ría.

Este luns, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou unha reunión co sector turístico en Sanxenxo para invitar o Goberno central a que contemple "todas as vías posibles" para salvar a actividade industrial e os empregos. Rueda reiterou que o goberno galego "fará o que estea na nosa man" para resolver a situación legal da pasteira "a pesar de non provocar este problema".

As administracións "que nos levaron a esta situación", engadiu, "cruzáronse de brazos e hanse desentendido" dos postos de traballos que xera Ence en Galicia, polo que desde a Xunta "seguiremos explorando posibilidades".

Respecto ao informe solicitado ao Consello Consultivo de Galicia, cuxa petición asinou este mesmo luns o presidente da Xunta, Rueda sinalou que "se nos di que si é viable, abrirá unha vía para que os postos de traballo queden en Pontevedra".

En caso contrario, precisou, "había que intentalo igualmente". "Imos esperar a ver que di o Consello", subliñou Alfonso Rueda, que pediu a todas as partes implicadas ser "coherentes e construtivos" e respectar o ditame deste órgano, a pesar de que non se estea de acordo co seu informe. De momento, non hai prazos concretos para a emisión do ditame.

"O Estado non pode descartar a vía sen coñecer os termos da consulta xurídica"
O conselleiro Alfonso Rueda censurou onte que a administración do Estado descarte a vía de adscribir os terreos de Ence ao porto "sen coñecer sequera os termos da consulta nin a súa resolución".

Entende tamén que "non terá ningún sentido" que o Concello de Pontevedra "que tantas veces se apoiou no Consello Consultivo para tomar decisións" se a resposta fose "positiva" á adscrición ao porto.

Comentarios