Román Rodríguez, sobre a única oferta para o Valle Inclán: "Eu tamén quedei sorprendido"

O conselleiro de Educación destaca a complexidade da rehabilitación integral do emblemático edificio, que deberá compaxinar obras e clases
(_G4A8063.JPG) Edificio antes coñecido como Ciencias Sociais e agora CIENCIAS DA COMUNICACION Roman Rodriguez conselleiro de Cultura Educacion FP e Universidades da Xunta de Galicia Manuel Reigosa reitor da Universidade de Vigo Eva Maria Lantaron vicerreitor11890
photo_camera Román Rodríguez, en segundo plano, durante a visita deste martes á Facultade de Dirección e Xestión Pública. GONZALO GARCÍA

"Eu tamén quedei sorprendido porque era unha cantidade económica moi significativa, 4,7 millóns de euros, aínda que tamén é certo que é unha obra complexa", admitiu este martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o feito de que só se presentou unha empresa, a pontevedresa Construcciones Ramírez SL, ao xugoso contrato para a obra de rehabilitación integral do IES Valle Inclán, tal como avanzou este luns Diario de Pontevedra. O prazo de execución é de 16 meses.

En todo caso, fixo fincapié na "singularidade" e a dificultade que presenta este proxecto, posto que supón actuar "sobre un edificio patrimonial, dun gran valor histórico", e será necesario "compaxinar a actividade nas aulas coa obra". A Consellería xógase todo a unha carta. Os técnicos estudan agora se a documentación de Ramírez "cumpre cos criterios e cos parámetros" esixidos e, se é así, "adxudicarémoslle o contrato".

CIFP Carlos Oroza

O conselleiro tamén recordou, durante a visita realizada á Facultade de Dirección e Xestión Pública, a outra ambiciosa obra proxectada en Pontevedra, a de ampliación do CIFP Carlos Oroza, valorada en 2,8 millóns e adxudicada á construtora San José. "Estamos pendentes da licenza municipal".

Neste sentido, o Concello apuntou que o proxecto está en fase de estudo por parte dos técnicos municipais despois de que a Consellería xa recibise un primeiro informe desfavorable, o que a obrigou a solventar unha irregularidade vinculada ás canalizacións de augas. O arquitecto municipal emitiu "hai uns días" un informe técnico favorable ás fases un e dous e agora queda pendente o da fase tres, apuntaron fontes muncipais.

Transferencias pendentes

O Carlos Oroza é un dos equipamentos educativos situados na Cidade Infantil Príncipe Felipe pendentes de transferencia incluídos na mesa de negociación entre Xunta e Deputación, ao igual que o CEIP Daría González e o CEE Pontevedra. "Si, estamos a falar —confirmó Rodríguez—. Abriuse unha liña de colaboración positiva para todos".

Así mesmo, aplaudiu o "entendemento" iniciado co protocolo de transferencia da Escola de Canteiría e o Pazo de Lourizán. "Estamos a falar tamén dos terreos do Príncipe Felipe", dixo, pois "aí hai cuestións que resolver como a relación cos comuneiros, hai que ter en conta tamén os marcos competenciais dos centros". "O que está claro é que cando as administracións e os políticos traballamos con altura de miras e non en destruir ao rival, politicamente, as cousas saen como debe ser".

Comentarios