A rural aposta polo 'ouro verde' como unha fonte de recursos económicos

As comunidades de montes non descartan crear unha cooperativa para a produción de aceite â?? Lérez ten unha oferta para a plantación de oliveiras como os de Bora, Verducido, Marcón e Xeve
GON Marcon, lugar de Pintos. Lucia Vigo en su plantacion de olivos. Telef. 669741971, lunes, 2 mar · 16:00–17:00
photo_camera Lucía Vigo na súa plantación de oliveiras situada no lugarde Pintos (Marcón).

As Rías Baixas aprenden a consentir a oliveira. é nesta zona de Galicia, xunto a Ourense, onde están a aflorar a maioría de producións do considerado ouro verde. De momento, modestas, pero que aspiran a crecer de xeito exponencial nos próximos anos da man de pequenos produtores e, sobre todo, das comunidades de montes.

A aposta pola olivicultura exponse como un nicho de negocio para os comuneiros, unha alternativa máis rápida para xerar recursos económicos (calcúlase que unha oliveira pode xerar olivas desde o cuarto ou o quinto ano) que a de plantacións como o piñeiro ou o eucalipto, cuxo proceso de crecemento é máis lento.

A posibilidade de contar con ingresos fixos levou a varias comunidades de montes do municipio de Pontevedra a interesarse por este incipiente sector. Unha delas é a de Campañó, que viu no proxecto do parque forestal de A Tomba unha oportunidade para iniciarse no negocio da oliveira. De feito, a iniciativa que o colectivo parroquial está a desenvolver en colaboración co Concello contempla unha plantación de tres hectáreas de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo, totalmente ecolóxico e a partir de clons de especies de oliva autóctona galega.

"En principio temos previsto vender toda a produción de oliva que obteñamos", sinala o presidente dos comuneiros, José María Domínguez, aínda que apunta que "o ideal" sería crear unha cooperativa con outras comunidades de montes ou particulares que optasen por dedicar plantacións de olivas destinadas á produción de aceite. "é unha idea que temos en mente pero que aínda está sen desenvolver. No caso de que puidésemos levar a cabo esta iniciativa suporía uns bos ingresos fixos", subliña.

ALMAZARA. Neste mesmo sentido Lucía Vigo, propietaria dunha pequena plantación de oliveiras na parroquia de Marcón, sinala que "estamos a pensar en crear unha almazara (muíño en que se extrae o aceite das olivas) na comarca de aquí á uns anos porque hai moitas plantacións novas con moitos propietarios interesados porque as novas xeracións buscamos cultivos novos nas leiras que herdamos dos nosos pais e que co paso dos anos estaban en estado de abandono".

E é que a olivicultura preséntase como unha alternativa aos usos tradicionais do campo —como pode ser a explotación da vide— e co obxectivo de consolidar unha industria aceitera propia. Neste sentido, os produtores de aceite cento por cento galego seguen buscando terreos no rural de Pontevedra e a súa comarca para pór en marcha novos campos de oliveiras.

Neste sentido, dúas empresas produtoras de aceite puxéronse en contacto coa Comunidade de Montes de Lérez para intentar chegar a un acordo para a cesión de terreo que se destinaría á plantación de oliveiras. "Están a realizar un estudo do pH (o grao de acidez) para ver a zona que sería máis adecuada para a plantación", sinala o presidente do colectivo parroquial, Martín Martínez. Considera que a posibilidade de que esta iniciativa acabe plasmada na firma dun acordo é "dun 85%" .

"Estamos pendentes das condicións da proposta que nos transmitan as empresas", sentenza Martín Martínez.

Comentarios