Salcedo contratará guías profesionais para as visitas escolares á aldea neolítica

A Comunidade de Montes Común estuda inaugurar oficialmente o novo poboado prehistórico no transcurso do presente mes
Poblado neolítico de Salcedo. RAFA FARIÑA
photo_camera Poboado neolítico de Salcedo. RAFA FARIÑA

A xunta directiva da Comunidade de Montes de Salcedo está pendente das previsións meteorolóxicas para fixar a data da inauguración oficial do poboado neolítico. "Será antes de finais do presente mes", declara o presidente da entidade parroquial, Fernando Pintos.

A intención dos comuneiros é organizar un acto no que, ademais dos veciños, participen como invitados representantes do Concello e da base Xeral Trasfogueiro, sede da Brilat, cuxa presenza suporía a reconciliación formal entre o Exército e a parroquia logo de anos de conflito (que non estiveron exentos de momentos de tensión) pola titularidade dos terreos nos que os militares desenvolvían as súas manobras. De feito, o poboado prehistórico levantouse na zona onde estaba situado o campo de tiro.

"Queremos dar a coñecer de forma oficial a aldea neolítica para promocionala e que divulgar que as obras xa están rematadas e listas para recibir visitas", subliña Pintos. Ademais, no "acto sinxelo" que pretenden organizar os comuneiros participarán os expertos da empresa A Citania-Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio que se encargaron de desenvolver o proxecto.

INTERÉS. Pintos destaca o interese que están a demostrar algúns colexios por ver o complexo neolítico. "Teremos que contratar guías dunha empresa especializada en historia para que se encarguen de dirixir as visitas que comezarían a finais do presente ano ou a principios do que ven".

A Comunidade de Montes quere sacar o maior rendemento posible á divulgación da prehistoria a través do poboado antigo non só mediante visitas senón incluso na realización de traballos prácticos que estarían dirixidos polos propios guías.

A antiga aldea da Idade de Bronce conta cunha cabana comunal, tres pallozas, currais, fosas de almacenaxe, un estanque e unha zona na que se recrearán as fogueiras que facían os antigos moradores destas áreas.

O poboado prehistórico está delimitado por unha empalizada de madeira. A zona tamén conta con árbores plantadas polos comuneiros da parroquia de Salcedo hai dous anos, como carballos e bidueiros.

O proxecto arqueolóxico, que está moi preto de petróglifos de gran valor como os de Outeiro da Mina, foi desenvolvido pola empresa A Citania. O arquitecto encargado de darlle forma foi Marcos Pérez Cachafeiro, quen no proxecto explicaba que "tratar de mostrarlle aos visitantes a vida cotiá durante o período de tránsito do neolítico á idade dos metais".

O poboado construíuse realizando un exercicio de arqueoloxía experimental. Deseñouse a partir da información arqueolóxica e paleoambiental existente e empregáronse os materiais efémeros orixinais. A segunda fase do plan será a creación dun centro de interpretación similar ao do parque etnoarqueológico de Campo Lameiro.

A aldea neolítica de Salcedo estreouse de xeito informal o pasado 24 de agosto cunha comida propia da Idade de Bronce. Os invitados ao banquete, no que se serviu carne ao espeto e salmón cociñado entre follas e barro, foron os membros da directiva da Comunidade de Montes da parroquia, impulsores deste proxecto.

A aldea neolítica de Salcedo. RAFA FARIÑA

1.500 METROS CADRADOS. O parque arqueolóxico ocupa unha parcela de 1.500 metros cadrados no lugar de Outeiro das Mouras. O solar foi ocupado no seu día pola Brilat, pero os comuneiros gañáronlle a partida ao Ministerio de Defensa ao lograr recuperar a súa titularidade tras unha longa batalla xudicial.

A construción do recinto ven agora a luz tras dous anos de trámites. O Concello desbloqueou o proxecto o pasado mes de abril ao concederlle a licenza necesaria para iniciar os traballos, que contaron cun orzamento de 39.744,65 euros. Deste diñeiro, 26.072,49 euros proceden de fondos europeos.

Comentarios