Salcedo reclama a reapertura da 'Casa Verde'

A maioría de colectivos sociais da parroquia demandan a volta á 'nova normalidade' no dinamismo cultural
A Coral, da Banda Xuvenil e da Banda de Música de Salcedo. DP
photo_camera A Coral, da Banda Xuvenil e da Banda de Música de Salcedo. DP

A meirande parte das asociacións e colectivos sociais de Salcedo remitíronlle recentemente un escrito ao Concello de Pontevedra solicitándolle a reactivación da actividade cultural na parroquia a través da reapertura da Casa Verde, para o uso sociocultural dos veciños e veciñas da parroquia.

O escrito asinado pola Asociación Músico-Cultural San Martiño, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta, a Asociación Cultural Casa Verde e a ANPA Bolboreta CEIP Cabanas de Salcedo recolle as inquendanzas e preocupacións destes colectivos e do conxunto da veciñanza ante a parálise sociocultural á que se ve sometida a parroquia. O principal problema é a imposibilidade de facer uso con normalidade da Casa Verde, edificio construído grazas ao esforzo veciñal e das administracións.

A poboación destaca que hai máis de ano e medio que non se celebran actuacións de teatro, conferencias, concertos e mesmo os ensais do Coral, que dificulta aos mozos e mozas desta agrupación musical poder recibir a formación axeitada para poder cumprir cos seus compromisos e actuacións que no verán forman parte esencial da súa actividade.

Estes colectivos veciñais amosan a súa preocupación pola falla de resposta a esta reiterada demanda por parte das autoridades municipais, xa que se dirixiron ao concelleiro delegado de área, Alberto Oubiña. Nesta demanda solicitáronlle a súa colaboración para resolver a circunstancia actual e, a día de hoxe, segue sen existir unha solución e tampouco unha constestación oficial a un escrito remitido por tódalas entidades con representación no Consello Parroquial.

Os e as representantes das asociacións e colectivos de Salcedo solicitan tamén que se convoque unha xuntanza do Consello Parroquial. A este deberán asistir un ou unha representante da administración local, como por exemplo o alcalde, coa intención de abrir unha vía de diálogo que contribúa a canalizar axeitadamente as demandas socioculturais.

Comentarios