O Salón do Libro homenaxeará a Helena Villar e a Kiko da Silva

O evento, que se celebrará entre o do 6 e o 27 de marzo de 2020, incorpora o recoñecemento aos ilustradores ? A escritora ten máis de 25 títulos de LIX e o debuxante foi o creador de Orbil
Kio da Silva, Carmen Fouces e Helena Villar, de esquerda a dereita. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Kio da Silva, Carmen Fouces e Helena Villar, de esquerda a dereita. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dous pioneiros serán homenaxeados no XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: Helena Villar Janeiro, que o é da nosa Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), e Kiko da Silva da banda deseñada. Con este segundo, o Concello incorpora o recoñecemento aos ilustradores neste apartado do Salón. "En realidade texto e ilustración van da man", explicou a concelleira Carme Fouces, que tamén lembrou que o evento se celebrará entre o 6 e o 27 de marzo e que terá como eixe temático o humor e a Italia como país convidado. "Helena Villar é memoria viva da nosa LIX e Kiko da Silva, entre outras cousas, o creador da mascota do Salón, o lobo Orbil".

Nacida en Becerreá en 1940, Helena Villar Janeiro está afincada en Rianxo. Mestra, escritora, articulista e membro da Real Academia Galega (RAG) dende 2017, mantén na actualidade unha importante actividade nas redes sociais. "Ten máis de 25 obras de LIX publicadas. Xa era hora de renderlle unha homenaxe", explicou Fouces.

Helena Villar Janeiro, escritora: "Introducín o galego normalizado na LIX. Esa foi a miña achega. Había que facelo e fíxose"

A autora lembrou este venres que as dúas grandes paixóns da súa vida foron a ensinanza e a literatura. "Esta homenaxe é unha honra coa que eu non contaba", dixo tras confesar que comezara a escribir contos e poemas para a cativada cando naceu a súa filla. "A miña achega foi esa: introducir o galego normalizado na nosa literatura infantil. Había que facelo e fíxose. Había que facelo con dignidade e fíxose o que se puido".

Helena Villar tamén contou que pensaba que tería deixado a LIX cando os seus fillos [a poeta María do Cebreiro e o pianista Abe Rábade] medrasen. "Pero non foi posible. Non a puiden deixar".

Kiko da Silva, ilustrador: "Precísanse cambios para que os autores poidamos crear con dignidade. Ou acabaremos por non ter cultura nin xente que queira adicarse a ela"

Nacido en Vigo en 1979, Kiko da Silva é un dos debuxantes galegos máis importantes da súa xeración. Formado na facultade de Belas Artes, é autor de títulos como Moncho e mancha ou Que contan as ovellas para durmir?. Ademais de autor é editor (Retranca) e fundador e director da escola O Garaxe Hermético.

"Ser autor en Galicia é unha auténtica ruína", sinalou Da Silva, que reivindicou a profesión de xeito contundente. "Precísanse cambios para que os autores poidamos crear con dignidade. Ou acabaremos por non ter cultura nin xente que queira adicarse a ela". Para o debuxante, "a LIX é a única táboa de salvación da lingua galega, que está bombardeada por todos os lados".

Comentarios