O cemiterio de San Amaro será pioneiro en ter unha sala para funerais laicos

O Concello vén de adxudicar a ampliación do cemiterio municipal a Acevi por case 460.000 euros ►Construiranse ata 312 columbarios
Recreación virtual da ampliación do cemiterio de San Amaro. CONCELLO
photo_camera Recreación virtual da ampliación do cemiterio de San Amaro. CONCELLO

A ampliación do cemiterio de San Amaro xa están en marcha. A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a proposta de adxudicación das obras que saíran a licitación por 474.656,54 euros. O proxecto, para o que presentaran ofertas 5 empresas, foi adxudicado a Acevi por un orzamento de 458.856,20 euros e terá un prazo de execución de 4 meses desde o inicio dos traballos.

Esta actuación correspóndese coa primeira fase de execución do proxecto Voltar á terra, na que están previstas tres tipo de infraestruturas distintas. Por unha banda, unha sala para celebrar cerimonias funerais destinada a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que convertirá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características. Ademais, Acevi construirá 312 columbarios, dos que 88 serán de chan e o resto en estruturas verticais. Así, haberá 13 columnas de 4 columbarios, 20 máis de 5 columbarios cada unha e outras 12 con 6.

ARTE FUNERARIO. Por outra banda, o proxecto inclúe tamén a instalación de dúas obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro e un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios.

A intervención afectará a uns 2.500 metros cadrados dos 6.000 dos que dispón a parcela do cemiterio, quedando a superficie restante xa acondicionada con pradeira e preparada para acometer unha fase posterior.

Comentarios