Santos Héctor: "Á noiva dunha voda aínda non lle pasou o desgusto" ao coincidir co PP

O PSOE insiste en que o PP poderá utilizar o Castelo de Soutomaior coas mesmas condicións que os demais cidadáns. Louzán, contra a Deputación

"Á noiva aínda non lle pasou o desgusto", asegurou este luns o secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra e deputado provincial, Santos Héctor, en alusión a unha voda celebrada o ano pasado e que coincidiu co acto político do PP no Castelo de Soutomaior despois de que este cambiase de data por motivos de axenda. Díxoo en referencia ás medidas de seguridade que afectaron os invitados que accedían ao recinto. "A noiva tivo que subir andando desde a glorieta, os convidados foron cacheados...", recordou. No entanto, matizou, a súa intención non é cuestionar a seguridade do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Si cuestiona, con todo, a suposta repercusión económica desta convención que enarbora o PP para aferrarse ao castelo para iniciar o curso político. Héctor, abundando nas declaracións do deputado provincial Lopez Font, recalcou que o xardín do castelo "é un espazo público que non pode ser ocupado para un acto político". Como alternativa, recordoulle ao PP que "ten á súa disposición as salas do castelo", cuxo funcionamento está regulado. Neste caso a Deputación autorizou o acto "porque estaba a data enriba".

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, defendeu o uso dos xardíns para a apertura do curso político da súa formación, do mesmo xeito que o BNG emprega a Praza da Quintana para a súa manifestación do 25 de xullo. Así, preguntouse se "os partidos que conforman a Deputación -PSOE e BNG- van propoñer agora que ningún partido faga un uso político dun espazo público".

Non se mostrou sorprendido pola carta enviada pola Deputación na que advertía ao PP de que non podería volver utilizar os xardíns. Louzán acusou o bipartito de intentar "arrinconar e amordazar" ao PP co seu "sectarismo".

Comentarios