Sectores afectados polo coronavirus saen á rúa con velas para esixir axudas e ser escoitados

Os manifestantes, principalmente profesionais da hostalería e do comercio, piden o "milagre" de que as Administracións atendan as súas reclamacións

JAVI Manifestación convocada por la Plataforma de afectados por la COVID19 de Pontevedra. Cuentan que terminará sobre las 19:15 mas o menos.
photo_camera Participantes na concentración deste venres. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A pontevedresa Praza da Peregrina encheuse este venres, a partir das 18.30 horas, de velas acesas e voces de protesta. O motivo foi a concentración organizada pola Plataforma de afectados polo covid-19 de Pontevedra para pedir un "milagre", máis concretamente, un cambio por parte das Administracións públicas con respecto á hostalería, o comercio e os demais sectores económicos prexudicados pola pandemia. 

O acto reivindicativo incluíu a lectura dun manifesto que comezou co pésame ás familias de todos os falecidos polo coronavirus e co "máis agarimoso agradecemento" a todo o persoal sanitario e aos que estiveron en primeira fila todos estes meses.

Tras dedicarlles un aplauso, o portavoz da plataforma indicou que os hostaleiros entenden que as medidas tomadas sexan cada vez máis restritivas e por iso "impuxemos nos nosos negocios as normas precisas", pero o que non comprenden, segundo engadiu, son os horarios de peche "que nos impiden a moitos poder traballar en condicións, e incluso algúns non poden nin abrir, xa que non gañarían ou suficiente para pagar as facturas xeradas", dixo.

Sinalou que tampouco comparten "a agonía do pequeno comercio, que por seguir aberto con estas novas limitacións e sen dereito a axudas á súa medida, non poderá manterse á boia" e afirmou que "non aceptamos ese horario insuficiente ao que a maioría non pode adaptarse, pero que, ao permitirse por decreto, déixanos sen axudas".

Criticou tamén que "as persoas contratadas despois do 18 de marzo non teñan dereito a prestación por ERTE" e destacou que "o que non aceptamos baixo ningún concepto e que, ademais de todo o mencionado ata agora, nos subades a cota de autónomos e a luz", algo que cualificou como "unha vergoña". Os manifestantes expuxeron a "agonía" dos sectores económicos máis afectados por esta pandemia "nos que as axudas son incompatibles ou nulas". 

Por iso, solicitaron que cada sector obteña axudas "dirixidas e pensadas de face ás súas necesidades". "Dende o despacho está moi ben sacar axudas que cremos que van chegar aos nosos sectores, pero a verdade é que non coñecedes a realidade do que pasa un autónomo traballando máis de doce horas ao día para levantar ou seu negocio, os números que teñen que facer as PEME para afrontar soldos, seguros, impostos, etcétera. Se non sabedes preguntade, pero aos autónomos de verdade, non aos empresarios que montan unha empresa e viven grazas á suor dos seus empregados", sinalou o portavoz dirixíndose ás Administracións.

Unha vez máis, pediron a exención das taxas durante os meses que estiveron pechados e unha redución porcentual en función das perdas de cada negocio por estar abertos con restricións, un ERTE único e de pago o máis inmediato posible, facilidade de pago fraccionado ás Administracións (seguros, impostos, etcétera) e medidas de face ao futuro como a redución da cota de autónomos. "Se o comercio, a hostalaría, o transporte ou o turismo, caen, que vos queda? As multinacionais que tributan en paraísos fiscais?", preguntou o seu portavoz.

Comentarios