"Segue habendo un goteo de pacientes que nos fai non estar tranquilos"

A área sanitaria puido superar xa o pico de críticos, aínda que a situación pode cambiar "nuns días"
Trabajadores de la unidad de Reanimación del Montecelo. RAMÓN LEIRO/POOL
photo_camera Traballadores da unidade de Reanimación do Montecelo. RAMÓN LEIRO/POOL

"Aínda están a ingresar pacientes críticos de covid" e os contagios baixaron en número, pero lonxe de baixar a cero. Por iso a xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación, Marina Varela, volveu emprazar este sábado aos cidadáns "a que respecten as medidas que todos coñecemos". 

Reportaxe UCI Montecelo. Pool. Ramon LeiroA doutora, membro do comité clínico, incidiu en que na terceira onda víronse afectados "pacientes máis novos", o que evidencia que a poboación con menos anos "non é inmune a este virus". Ademais, recordou que "a afectación nalgúns pacientes é moi grave e require ingreso nas unidades de críticos con ventilación mecánica". 

O Sergas informou de que este sábado en Montecelo continuaban ingresados 20 pacientes nas unidades de críticos, aos que polo menos hai que sumar outros tres que xa negativizaron o virus, pero que seguen ocupando unha cama de UCI.

A asistencia aos pacientes graves está repartida entre dous servizos: Medicina Intensiva, que corre a cargo da UCI convencional e a Unidade de Curta Estancia (reformulada en UCI 2) e Anestesioloxía e Reanimación, que asume os pacientes ingresados en REA (que segue funcionando como terceira UCI covid) e URPA (que chegou a operar como cuarta UCI hai unhas semanas, pero que xa leva algúns días liberada de covid). Entre estas unidades pódense habilitar algo máis de 40 camas para pacientes críticos.

Reportaxe UCI Montecelo. Pool. Ramon LeiroVarela considera que é moi probable que a área sanitaria xa alcance o pico de ingresos nas unidades de críticos, pero como en ocasións anteriores avoga por ser "prudentes". "Nuns días a situación pode cambiar, porque segue habendo ingresos en todas as áreas sanitarias. Non é o ritmo de hai unhas semanas, cando tiñamos picos de máis de cinco hospitalizacións ao día, pero segue habendo un goteo de pacientes que nos fai non estar tranquilos", explica.

Sobre o posible alivio das restricións, esquiva as premonicións, pero si insiste en que se debe actuar con precaución. "Epidemioloxicamente a situación mellorou, pero a nivel asistencial seguimos cun número importante de casos, por iso penso que hai que ser prudentes". 

Reportaxe UCI Montecelo. Pool. Ramon LeiroPERSOAL. A especialista explica que a fervenza de pacientes graves levou a reforzar as plantillas e que en termos xerais todos os sanitarios demostraron "unha profesionalidade moi importante". "A pesar de que podamos ter momentos de cansazo, sentímolos na nosa casa. Aquí o persoal está moi comprometido, é moi profesional e axuda no que pode. A pesar de fatiga, están comprometidos co paciente dunha forma admirable": 

Por outra banda, Varela sinala que, a pesar da covid, hai persoal do servizo de Anestesioloxía que segue actuando noutras frontes, como os quirófanos, onde a actividade cirúrxica vaise renovando aos poucos, nas consultas da unidade de dor, en urxencias pediátricas e partos. A vida non se detén coa covid.

Comentarios