Seguen en aumento os positivos do centro Soremay de Pontevedra

Os usuarios de residencias con covid baixan a 368, pero detectan un novo brote con dez casos en Castrelo de Miño
Residencia Soremay de Pontevedra. GOOGLE MAPS
photo_camera Residencia Soremay de Pontevedra. GOOGLE MAPS

O número de usuarios de residencias de maiores galegas con covid-19 descendeu a 368, en parte porque recibiron o alta 40 usuarios do Asilo Vilalba (Lugo). No entanto, detectouse un novo brote con 10 casos -nove usuarios e un traballador- nunha residencia de Castrelo de Miño (Ourense).

Ademais, segundo consta na actualización de datos diaria achegada pola Consellería de Política Social, creceu o foco do centro Soremay de Pontevedra, que detectou 14 novos positivos -13 usuarios e catro traballadores-. Tamén se engaden ao cómputo un usuario da residencia Ballesol de Oleiros e outro do xeriátrico de Cesantes, en Redondela.

En canto aos curados, ademais dos 40 de Asilo Vilalba, recibiron a alta outro seis, un en cada un dos seguintes centros: Caranza-Ferrol, San José de Narón, As Fragas de Pontedeume, DomusVi Monforte, Hermanos Prieto do Carballiño e Ballesol de Vigo.

Do total de 368 usuarios de residencias galegas con covid, case un terzo deles se atopan na residencia Vila do Conde de Gondomar, con 110 positivos. Como segundo maior foco continúa o Asilo Vilalba, que baixou a 66 usuarios positivos en coronavirus.

Tras estes, están o xeriátrico Pontevedra de Vilaboa, con 40 contaxiados; San Antonio de Beariz, con 27; Soremay de Pontevedra, tamén con 27; e San Salvador de Guntín, con 17.

Con 15 anciáns infectados está DomusVi Ribadumia, os mesmos que o DoralResidencias de Mos. Ademais, hai 12 casos en San Cibrao de Cervo, nove na Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño, sete no CRAPD Vigo II, seis en DomusVi Vigo, cinco no apartamento tutelado San Antonio de Beariz e catro en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume.

A listaxe complétase cos dous anciáns con covid de Nosa Señora dos Miragres de Barbadás e os casos individuais da Ballesol de Oleiros, DomusVi Ferrol, Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, Nosa Señora Valvanera de Cambados, a residencia Cesantes-Redondela e o CRAPD Vigo I.

185 TRABALLADORES. En canto aos traballadores destes centros con coronavirus, o cómputo total sitúase este xoves en 185, nove máis que os notificados este xoves. Isto débese a que se detectou 14 novos positivos: catro en Soremay de Pontevedra, catro en Cesantes de Redondela, tres en DomusVi Vigo, un en DomusVi Barreiro e outro na Ballesol de Oleiros.

Con todo, saíro da listaxe outro catro empregados, correspondentes co xeriátrico Santa Olalla de Boqueixón, a residencia de Melide, a San Miguel de Silleda e os Hermanos Prieto do Carballiño, por recibir o alta.

Deste xeito, os centros con máis traballadores contaxiados son a residencia Vila do Conde de Gondomar, con 22; Asilo de Vilalba, con 21; residencia Pontevedra de Vilaboa, con 14; Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 13; Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, con 13; e DomusVi Ribadumia, con outros 13.

CENTROS DE DISCAPACIDADE. Pola súa banda, nos centros de discapacidade galegos rexístranse un total de cinco usuarios diagnosticados de covid, os mesmos que hai 24 horas. Así, o cinco usuarios de centros de atención á discapacidade atópanse en DoralResidencias de Mos (4) e no centro do Imserso en Bergondo (1).

Pola súa banda, o cómputo dos traballadores destas instalacións con coronavirus caeron a cinco, tras a alta de catro empregados de DoralResidencias de Mos, onde aínda quedan dous traballadores con covid. O tres restantes repártense entre o centro Souto de Leixa de Ferrol, o San Vicente Paúl de Lugo e a residencia de Chapela.

Comentarios