Seguen sendo perigosas

Pepa Bueno, Marta Sanz, Ana Requena, Tati Moyano e Chus Gómez participan na segunda edición de As mulleres que opinan son perigosas, que se celebrará os días 1 e 2 de marzo en Pontevedra

Presentación de 'As mulleres que opinan son perigosas', Lores e Silva. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación de 'As mulleres que opinan son perigosas', Lores e Silva. GONZALO GARCÍA

"Volvemos atopar mulleres columnistas para facer unha segunda edición deste encontro. Ao final, non había tanto problema", sinalou a xornalista e guionista Diana López Varela na presentación da segunda edición de As mulleres que opinan son perigosas, un congreso que puxeron en marcha ela e outra xornalista, Susana Pedreira, o ano pasado, como contestación a un encontro sobre columnista en León no que só había homes. "Creamos este foro en Pontevedra como resposta a un acontecemento concreto e volvémolo facer porque constatamos a necesidade de que existan espazos deste tipo para visibilizar o traballo das mulleres nos medios".

Pepa Bueno, Marta Sanz, Ana Requena, Tati Moyano e Chus Gómez son algunhas das xornalistas que participarán na segunda edición deste evento, que conta co apoio do Concello e da Deputación e que se celebrará os días 1 e 2 de marzo no Teatro Principal. As actividades son abertas ao público.

"Non repetimos ningún nome da primeira edición porque queremos seguir amosando que somos moitas e que podiamos facer ata 30 edicións sen repetir a ninguén", contou Susana Pedreira, que tamén explicou que na programación deste ano se atenderon algunhas suxestións recollidas en 2018, "como que houbese unha representación da opinión deportiva, neste caso da man de Gemma Herrero, e da de colectivos máis específicos como a comunidade negra, aquí representada por Lucía Mbomio".

As coordinadoras do congreso tamén contaron que, ademais de representantes de medios de comunicación tradicionais, tamén habería exemplos de mulleres con presenza destacada na internet: caso de Towanda Rebels (YouTube) e Carmen Magdaleno (Twitter). Da mesma maneira, avanzaron que nas ponencias se prestaría especial atención a todo o acontecido no último ano: a creación do colectivo Xornalistas Galegas, a aparición da redactora de xénero nalgúns medios como Ana Requena en eldiario.es ou o reforzo das seccións de opinión en medios locais con sinaturas femininas como a de Chus Gómez en Diario de Pontevedra.