A segunda edición da Troca de Libros implica a 16 centros educativos e nove asociacións

Os colaboradores xa empezaron a cambiar os volumes usados por vales que se poderán utilizar no Salón do Libro o vindeiro 15 de marzo
photo_camera David Castro, á dereita, na edición anterior da Troca de Libros.

A segunda edición da Troca de Libros integrada na programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrarase o vindeiro 15 de marzo e implicará 16 centros educativos e nove asociacións de nais e pais (ANPA). A cifra medrou considerablemente respecto ao ano pasado, explicou David Castro, profesor no IES Torrente Ballester e impulsor do evento desde que se celebrara no propio instituto (e previamente en Marín, aberto á veciñanza).

O obxectivo desta iniciativa é darlle unha nova vida a eses libros que pasan desapercibidos nos fogares, que non se van volver ler ou que quedaron "pequenos" ao medrar os seus propietarios. Na edición de 2019 "recogimos más de 5.000, así que este año esperamos superar la cifra", apunta Castro.

O sistema é sinxelo. Calquera persoa da comunidade educativa poderá achegar os libros que queira intercambiar no seu respectivo centro educativo ou ANPA. Por cada volume recibirá un vale. O 15 de marzo, de 11.00 a 14.00 horas no Recinto Feiral, poderá trocar cada vale por un libro. Os boletos son válidos en calquera dos postos dos diferentes centros e ANPA.

David Castro, profesor: "Vale cualquier libro en condiciones de ser reutilizado, excepto enciclopedias; de cualquier género e incluso texto"

O docente subliña que se aceptarán todo tipo de libros "que estén en condiciones de ser reutilizados", agás enciclopedias. "El año pasado sí las cogimos, pero llevarse una supone gastarse diez o doce vales y además es complicado para transportarla". Deste xeito, acéptanse libros de calquera xénero (novela, poesía, ensaio, banda deseñada, manuais... mesmo libros de texto), sexan de literatura infantil e xuvenil ou mesmo para adultos.

O obxectivo, apuntou, é ir medrando cada ano e para o vindeiro curso ampliar a iniciativa a máis centros, sobre todo institutos, e tampouco se pecha a porta a colexios doutros municipios.

A invitación enviouse aos case 50 centros educativos de Pontevedra, tanto públicos como privados e concertados e tamén escolas de música ou escolas para adultos.

Os participantes nesta edición son os CEIP de Marcón, A Xunqueira I e II, Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Praza de Barcelos e Vilaverde-Mourente; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, os CPR Plurilingüe Calasancio e Sagrado Corazón, a EEI Crespo Rivas e os IES A Xunqueira II, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán e Torrente Ballester.

A programación inclúe, ademais, sinaturas de libros e unha actuación musical. Grazas ao intercambio de libros inténtase fomentar a cultura da lectura e divulgar a súa importancia na formación da rapazada.

Comentarios