A segunda edición do ciclo 'Mulleres e Inspiración' terá lugar do 7 ao 12 de marzo

Na organización do programa colabora a Orquestra Sinfónica de Pontevedra
Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra. ADP
photo_camera Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra. ADP

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, presentou este xoves, Día de Rosalía, a programación da que será a segunda edición do ciclo Mulleres e Inspiración, organizado en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra e que se desenvolverá do 7 ao 12 de marzo.

Logo de recitar o poema "Daquelas que cantan as pombas i as frores/ todos din que teñen alma de muller/ Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma/ ¡ai!, ¿de qué a teréi?", Fouces dicía sentirse moi identificada con estes versos que deixan claro que "as mulleres podemos facer outras cousas, podemos facer de todo".

Fouces aludiu ao recente da lexislación sobre igualdadade como a primeira Lei de Igualdade Efectiva (22 marzo de 2007) ou o tratado de Amsterdam no 97, e apuntou que "é necesario e pouco todo o traballo que se faga para reparar esa ferida tan fonda que temos na sociedad logo de tantos anos. O 8 de marzo é un día de reivindicación laboral".

"A música é un lugar onde a fenda de xénero se leva arrastrando anos e máis no eido da música clásica. O pouco espazo que hai está ocupado por homes e a muller ten dereito a desenvolver o seu traballo neste ámito de maneira autónoma e digna. Hai que diluír ese marco de desigualdade e poñer as mulleres no centro música. Iso é o que buscamos con este ciclo de Mulleres e Inspiración que ten tres patas: unha delas é visibilizar todo o que estivo agochado anos, dando a coñecer a través da exposición unha selección de historias de mulleres músicas. O outro piar é o educativo, que terá lugar cos concertos didácticos concertados con máis de 1.600 escolares de Pontevedra e parroquias, e cos obradoiros de música e cine para cativada de 8 a 12 anos para os que xa se pode realizar inscrición en apuntate.pontevedra.gal. A outra pata será a mostra de talento coa proxección do documental Carne e o concerto do domingo 12 ás 19.00 no Pazo, con mulleres solistas compositoras e directoras", sinalou.

As entradas para este concerto xa están á venda en Ataquilla.com a partir de 4 euros mais gastos.

Comentarios