O Sergas estuda o modo de prestar atención primaria a Ponte Sampaio

A distribución de espazos do consultorio "non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade" asegurando o mínimo risco posible para os traballadores e pacientes
Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO
photo_camera Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO

No marco do seu plan de reactivación asistencial gradual en Atención Primaria, condicionado pola actual pandemia de coronavirus, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estuda "varias posibilidades" para achegar provisionalmente a cobertura de Atención Primaria á parroquia de Ponte Sampaio, dado que se atopa a 13 quilómetros do seu centro de saúde de referencia -Virxe Peregrina-. 

Ao comezo do estado de alarma, a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi adaptándose ás continxencias da pandemia pola Covid-19 e reorganizando a súa actividade asistencial no posible, segundo as recomendacións das autoridades sanitarias. 

Segundo informou a área sanitaria, tendo en conta os condicionantes preventivos vixentes no actual estado de alarma, a distribución de espazos do consultorio de Pontesampaio "non cumpren os requisitos mínimos para desenvolver a actividade" de Atención Primaria asegurando o mínimo risco posible para os traballadores e pacientes, xa que non ten posibilidade de habilitar sala de illamento, dobres circuítos nin dispor de persoal de soporte que realice un triaxe á entrada. 

Dados estes condicionantes, optouse polo reagrupamento provisional do persoal nun centro de referencia que se adaptou con maiores garantías á continxencia da Covid-19.

PLAN DE REACTIVACIÓN FLEXIBLE E PROVISIONAL. O Sergas reiterou que o plan de reactivación asistencial en Atención Primaria na área é "flexible e provisional", coa intención de adaptarse á situación epidemiolóxica de cada distrito sanitario en cada momento e dar resposta así ás súas necesidades. 

Os cambios realizados nalgúns centros de saúde da área a causa do estado de alarma -redistribución de pediatras e facultativos, concentración de asistencia en centros, peche de consultorios como o de Pontesampaio, etc- serán reversibles cando a situación do coronavirus o permita, engadiron. 

Comentarios