O Sergas pechará o 13% das camas da área de Pontevedra este verán

Quedarán operativas 520 camas entre Montecelo e o Hospital Provincial nos meses de xullo e agosto
Hospital Montecelo. RAFA FARIÑA
photo_camera Hospital Montecelo. RAFA FARIÑA

O complexo hospitalario de Pontevedra pechará este verán un 13% das súas camas dispoñibles, deixando operativas 520 camas entre Montecelo e o Hospital Provincial nos meses de xullo e agosto, segundo anunciou o Servizo Galego de Saúde.

Así o recolle o plan de adecuación de recursos asistenciais deseñado polos responsables sanitarios, que inclúe o peche do 10% de camas no Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, ata quedar cunha dispoñibilidade para 108 pacientes.

Esta planificación, segundo defende o Sergas, realizouse en base a un estudo "pormenorizado" da afluencia de pacientes aos seus hospitais durante a época estival, "asegurando a cobertura asistencia e efectuando un uso racional dos recursos".

A dirección da área sanitaria de Pontevedra engade que, en todo caso, a totalidade das camas estarán a disposición da poboación "de forma inmediata" se así o requirise as necesidades asistenciais de cada momento.

Este plan de continxencia activarase no caso de que o número de pacientes pendentes de ingreso sen cama asignada nos servizos de Urxencias se incremente e se produza un aumento da ocupación global nas plantas de hospitalización.

O peche de camas é unha práctica habitual de todos os veráns, subliñan os responsables da sanidade galega, ao coincidir a maioría das vacacións dos seus profesionais e a diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios.

O Sergas aproveitará estes meses para executar "pequenas obras e actuacións preventivas ou reparadoras" en distintas unidades do complexo hospitalario pontevedrés que, en momentos de maior ocupación, "sería complicado acometer".

Comentarios