O Sergas sopesa a posibilidade de expropiar o chan de Montecelo

Sanidade di que está "traballando para artellar a fórmula axeitada" que permita chegar a un acordo con Mourente "o antes posible"
Hospital Montecelo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Hospital Montecelo. GONZALO GARCÍA

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) está "traballando para artellar a fórmula axeitada" para chegar a un acordo "á maior brevedade posible" coa Comunidade de Montes de Mourente que lle permita continuar utilizando os terreos nos que está situado o Hospital Montecelo. Non descarta a opción do pago dun canon anual nin, incluso, a posibilidade de recorrer á expropiación dos 39.306 metros cadrados (3,9 hectáreas) que ocupa a parcela onde se levantou a antiga Residencia Sanitaria.

Esta foi a resposta que ofreceu este luns a Administración sanitaria ao ultimato que lle deu o colectivo parroquial (propietario do chan onde están situadas as instalacións hospitalarias) para no que lle advertía que acudiría á vía xudicial se no prazo dun mes non fixaba unha data para retomar as negociacións.

O Sergas matiza que a disputa sobre a titularidade dos terreos "non se plantexou en ningún momento co Sergas ou coa Xunta, senón coa Tesourería da Seguridade Social, que era a que transferiu os dereitos á comunidade autónoma". Precisa que foi ese organismo estatal o que decidiu "que se resolvera xudicialmente a situación en lugar de formular unha negociación cos comuneiros".

"Unha vez que a sentenza é firme -engade o Sergas- houbo unha reunión con eles barallando cales son as opcións e se lles plantexou a expropiación e outra vía establecendo un canon".

Os comuneiros de Mourente rexeitan calquera medida que supoña a perda da propiedade que acaban de recuperar mediante a vía xudicial

COMUNEIROS. A xunta directiva da Comunidade de Montes de Mourente conta co respaldo unánime dos veciños que participaron na última asemblea para formular as súas propostas ao Sergas, entre as que se atopa o pago dun canon anual polo uso dos terreos que lle suporía "un balón de osíxeno" para afrontar o custo dos traballos de mantemento do monte.

A entidade parroquial subliña que a Sanidade "non lle queda outra saída que regularizar a situación dos terreos" para o que só ten dúas opcións: ou chegar a un acordo para a cesión da parcela nunhas condicións que, asegura, "lle serán facilmente asumibles", ou optar pola expropiación.

En todo caso, os comuneiros de Mourente rexeitan calquera medida que supoña a perda da propiedade que acaban de recuperar mediante a vía xudicial. Oponse a calquera expropiación que converta en públicos os terreos veciñais para evitar a posibilidade de que nun futuro acabasen sendo privatizados.

A resolución xudicial ditada polo Tribunal Supremo o 31 de xullo de 2018 ratificou que os terreos ocupados polo Hospital Montecelo son propiedade da Comunidade de Montes de Mourente. "Con esta sentenza ponse fin a este litixio histórico e só queda regularizar a situación xurídica da ocupación", sinala o gabinete xurídico de Calixto Escariz, que defendeu aos comuneiros no preito.

O Estado recorreu en apelación ante a Audiencia Provincial, sendo finalmente desestimado polo carácter "indivisible, inalienable e imprescriptible" do monte comunal

Tras a sentenza da Audiencia Provincial a finais de 2017, que desestimaba o recurso de apelación interposto pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Supremo tampouco aceptou o recurso de queixa interposto por ese organismo estatal que sostiña que, tras a súa adquisición ao Concello en 1971, devandita parcela era de dominio público, e que ademais afecta a un servizo público (sanitario).

Fronte a este argumento, xa a primeira sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra declaraba en 2016 a nulidade "radical, absoluta e de pleno dereito" da escritura pública de cesión, estimando a reclamación dos terreos efectuada pola Comunidade de Montes de Mourente.

O gabinete de Calixto Escariz destaca que nesta resolución foron craves as probas documentais e os testemuños dos veciños que acreditaban o "uso polo común" da parcela.

O Estado recorreu en apelación ante a Audiencia Provincial, sendo finalmente desestimado polo carácter "indivisible, inalienable e imprescriptible" do monte comunal.

Tras a resolución do Supremo, agora queda pendente a regularización da situación xurídica da ocupación do terreo

Finalmente, o Tribunal Supremo ratificou que "ningunha eficacia pode ter unha inscrición rexistral fronte a unha posesión inmemorial" debido ao "carácter inapropiable e imprescriptible destes montes", mantendo o argumento da primeira sentenza.

Tras a resolución do Supremo, agora queda pendente a regularización da situación xurídica da ocupación do terreo coa análise das dúas opcións posibles: expropiación ou cesión.

Comentarios