O Servizo de Axuda no Fogar de Pontevedra custará 5,9 millóns de euros

A firma pontevedresa Idades farase cargo do contrato durante os próximos catro anos
 

Raimundo González Carballo, edil de Facenda de Pontevedra. DP
photo_camera Raimundo González Carballo, edil de Facenda de Pontevedra. ADP

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Pontevedra custará 5,9 millóns de euros. A Mesa de Contratación do Concello acaba de pechar o proceso de adxudicación deste programa asistencial, que prestará Idades durante os próximos catro anos, prorrogables por un máis. A empresa pontevedresa impúxose ás outras dous aspirantes: OHL, de Biscaia, e a Fundación para o Estudo e a Promoción da Acción Social (Fepas), con sede en Zaragoza.

O portavoz municipal e concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, informou este luns en rolda de prensa de que o custo anual do servizo ascende a uns 1.424.000 euros, aos que hai que engadirlle un Ive do 4%. 

A firma ofreceu unha serie de melloras para o novo SAF. Entre elas, a dotación de 170 dispositivos de teleasistencia, 1.150 limpezas de choque anuais nos domicilios dos usuarios, dez camas articuladas, catro cadeiras de rodas e dous guindastres.

Idades asume desde finais do ano pasado, a través dun contrato ponte, o servizo de axuda domiciliaria de Pontevedra. O motivo foi o rexeitamento da antiga adxudicataria, Clece, a asumir unha prórroga ofrecida polo Concello. A partir de aí, o Goberno local fixo dous contratos —un menor a Galaurea e outra ponte a Idades— para manter activo o programa. A formalización da nova concesión farase, con toda probabilidade, a finais deste mes.

A firma, que traballa en concellos como Poio, Marín, Bueu, Cangas, Barro, Meis, Cambados, Cerdedo ou Soutomaior, atende na actualidade a 175 persoas en Pontevedra. A maior parte delas son persoas maiores e dependentes.

O SAF contará cun persoal de 95 persoas, incluídos os postos fixos, os interinos e os previstos para substitucións.

Comentarios