As previsións anuncian un empeoramento da pandemia "en cinco ou sete días"

Entre os últimos diagnósticos atópanse membros de familias e profesionais sanitarios
Entrada de Montecelo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Entrada de Montecelo. GONZALO GARCÍA

As secuelas do Nadal comezan a verse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os encontros con parentes e achegados empezan a pasar factura a algunhas unidades familiares, nas que se comezaron a detectar cadeas de transmisión do coronavirus. E o máis preocupante é que, ao parecer, o verdadeiro repunte está por chegar.

O coordinador de ingresos en Montecelo e membro do comité clínico da Xunta, Juan Turnes (tamén xefe de Dixestivo do CHUP), asegura que "a previsión é que a situación empeore nos próximos cinco ou sete días", a causa do "incremento de diagnósticos que se foi producindo". Este crecemento foi "máis suave" que noutras áreas sanitarias, "pero produciuse e nos últimos días vese que está a aumentar. Lamentablemente e como era previsible".

Nos diagnósticos máis recentes non destaca un perfil concreto, senón que se está vendo que a covid afecta "sobre todo a familias" sen excluír ningún rango de idade. "Están a localizarse casos en membros dunha mesma familia con diferentes idades: avós, pais, nenos... O que cabía esperar e o que queriamos evitar, que as reunións familiares fosen un vehículo de transmisión", indica Turnes.

Ademais, detectáronse casos dentro do persoal sanitario, "que se puido contaxiar no centro, pero que o máis probable é que o fixo fóra, como o resto de poboación. Por iso é importante manter as medidas de prevención no lugar de traballo, pero sobre todo fóra", subliña o especialista.

ÚLTIMA RADIOGRAFÍA. A expensas de como será esa evolución, polo momento a Área Sanitaria ten capacidade e marxe de manobra para prestar asistencia sanitaria ás persoas contaxiadas. O Hospital Montecelo acollía este luns ao mediodía 28 pacientes hospitalizados en planta convencional e a 12 na Unidade de Críticos, os cales apenas representan un 10% das camas do hospital (aínda que non todas están preparadas para asistir pacientes covid).

Por agora só está activo un dos tres equipos covid que chegou a ter funcionando a Área Sanitaria

A maioría das persoas infectadas que están ingresadas en Montecelo permanecen hospitalizadas na antiga planta de Traumatoloxía, convertida en unidade covid na segunda onda da pandemia e con capacidade para 55 camas. Só unha parte minoritaria é asistida na planta de Pneumoloxía, á que se derivan algúns enfermos que necesitan soporte respiratorio, sobre todo o que se coñece como ventilación non invasiva ou osíxeno de alto fluxo; tratamentos que, preferiblemente, levan a cabo en habitacións con presión negativa (illadas) como as habilitadas en Pneumoloxía.

CAPACIDADE. Por agora só está activo un dos tres equipos covid que chegou a ter funcionando a Área Sanitaria e non se tivo que habilitar ningunha planta de hospitalización adicional. En cambio, a folla de ruta xa está trazada e nesta contémplase botar man das mesmas fórmulas que se aplicaron cando as cousas se puxeron feas. Por exemplo, habilitar outras unidades como plantas covid (como xa ocorreu con Dixestivo e Cirurxía) ou suspender operacións non urxentes.

"Sempre traballamos coas peores previsións e baixo o suposto de que todo vaia da forma peor posible. ¿Podémonos ver desbordados? Todo é posible, pero a capacidade de asistencia que temos é moi ampla. Non só porque aprendemos a manexar a enfermidade, senón porque tamén somos máis eficientes na atención aos pacientes en domicilio (...). Cando os enfermos ingresan é porque necesitan ingresar si ou si. De feito, unha das explicacións ao noso cociente de pacientes críticos versus pacientes hospitalizados en planta convencional pode ser esa, porque se selecciona moi ben o paciente que necesita ingresar".

Turnes sinala que polo momento "estamos nunha situación relativamente tranquila", xa que o volume de altas foi compensando o volume de ingresos. Ademais, incide en que "dispoñemos de camas suficientes para críticos e non críticos", pero está lonxe, moi lonxe, de baixar a garda. "O que temos que facer é intentar preservar esta situación, porque seguimos atendendo todo o demais, seguimos con operacións, probas, consultas e ingresos por motivos distintos á covid".

Comentarios