Solicitan ao Concello que impida a publicidade taurina na vía pública

Os abolicionistas insisten ademais na "necesidade de que a praza pase a ser de titularidade pública"
Plaza de Toros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Praza de Touros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas solicitará este luns ao Concello que impida a colocación dos elementos metálicos que serven para promocionar a feira taurina que se celebrará en agosto, ao entender que "invaden a vía pública dunha forma abusiva".

Os abolicionistas explicarán ao Goberno local que "estes cartelóns de grandes dimensións poden dificultar o tránsito de persoas, especialmente aquelas con diversidade funcional, que deben desprazarse en cadeira de rodas ou que teñen unha redución da súa capacidade visual, podendo chocar con estes anuncios, pero tamén dos vehículos ao situarse preto de cruces e rotondas, impedindo a correcta visualización da calzada".

Neste sentido, tacharon o convenio de arrendamento como "prexudicial para o conxunto da cidadanía", pois "permite esta publicidade nas rúas de Pontevedra sen contraprestación algunha e posibilita que os donos do coso usen as cantinas durante as actividades municipais, como a Feira Franca".

Galicia, Mellor Sen Touradas confía en que o bipartito tome nota das críticas e posibilite, se non unha rescisión do aluguer para 2020, cambios fundamentais para "deixar de soster a tauromaquia de forma artificial na cidade do Lérez", afirma.

Os abolicionistas reiteraron a "necesidade de que a praza pase a ser de titularidade pública", tal e como reclamaron nos últimos meses.

Comentarios