Sóltase a escultura de Francisco Leiro pola crecida do Lérez

A Concellería de Patrimonio levará a cabo distintas iniciativas para poñer en valor a Illa das Esculturas no 2021
A escultura de Leiro, afectada tras as crecidas da pasada semana. GONZALO GARCÍA
photo_camera A escultura de Leiro, afectada tras as crecidas da pasada semana. GONZALO GARCÍA

Agarrada por unhas cordas ao dique do Lérez. Así permanece a escultura Saavedra, zona de descanso, de Francisco Leiro, ubicada na Illa das Esculturas logo de soltarse o pasado 30 de decembro a causa do temporal e a crecida do río. Confirmouno este sábado o concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, quen anunciou que esta semana contratarán unha empresa para que se encargue de devolver a peza ó seu sitio e comprobar os danos da estrutura para que se manteña sobre a auga.

Foi na véspera de Noitevella cando a Policía Local recibiu o aviso de que a peza permanecía solta no río e desprazada do lugar onde se atopa habitualmente. Foron os Bombeiros os encargados de atala ó dique a fin de evitar danos maiores na obra que asina o escultor cambadés.

"Agora mesmo está atada na marxe do río e esta semana contrataremos unha empresa para que a volva ao estado inicial e comprobe como estaba o cabo. Tamén imos falar co autor para explicarlle o que pasou e veremos se se aproveita para darlle unha limpeza", subliñou o responsable de Patrimonio no Concello de Pontevedra.

Xaquín Moreda avanzou ademais que ao longo deste ano a súa Concellería, que asume por vez primeira as competencias sobre as esculturas que dan nome á contorna, levará a cabo iniciativas para poñer en valor o conxunto e dálo a coñecer entre a cidadanía. "Temos unhas esculturas de artistas moi recoñecidos internacionalmente e moita xente non o sabe, a miña idea é pór en valor iso e teño algunhas ideas que neste ano esperamos levar a cabo", manifestou.

Temos unhas esculturas de artistas moi recoñecidos internacionalmente e moita xente non o sabe, a idea é poñelo en valor

MÁIS INCIDENTES. A peza Saavedra, zona de descanso, de Francisco Leiro, é unha das máis emblemáticas do parque escultórico, foi tamén unha das máis problemáticas dende a súa instalación. Xa tivo que ser reparada noutra ocasión. Na mesma xornada inaugural deu problemas e nunca acabou de axustarse á idea que tiña o autor na súa cabeza. As boias que se utilizaron para manter sobre a auga a escultura non foron suficientes e chegou a afundirse. A finais do ano 2008 apareceu volteada. A peza de Leiro retirouse do río para levar a cabo a reforma que consistiu basicamente na reposición dunhas anclaxes que racharan, pero tamén na mellora xeral da estrutura e da batea, que tiña partes moi deterioradas. A reparación tardou máis de dous anos. En maio de 2011, finalmente, volveuse instalar no seu espazo orixinal. Nesta ocasión apúntase á crecida do río como causante de que se soltasen os cabos que a manteñen suxeita, aínda que se estudará o estado no que se atopa.

Comentarios