O que somos capaces de facer xuntos

A escola Bonobo racha cos estereotipos mostrando o traballo de 17 persoas de Amencer, Xuntos e Amizade no proxecto 'Voces ocultas', que inclúe un espectáculo, un libro e unha serie de fotos

O equipo de 'Voces Ocultas', no escenario do Teatro Principal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O equipo de 'Voces Ocultas', no escenario do Teatro Principal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Música en directo, poesía, ilustración e fotografía mestúranse no proxecto 'Voces ocultas', da escola Bonobo. Son 17 persoas das asociacións Amizade (persoas con discapacidade), Xuntos (síndrome de Down) e Amencer (parálise cerebral) as que traballaron con oito profesores da academia que dirixe o mestre e músico Gonzalo Maceira (Furious Monkey House) para sacar adiante esta iniciativa que se presenta este xoves no Teatro Principal de Pontevedra (20.00 horas; entrada, 6 euros, ou 10 euros co álbum ilustrado).

"Todo isto comezou na academia Bonobo, como unha proposta, primeiro só musical, que foi medrando ata chegar aquí". Os usuarios das distintas asociacións comezaron gravando música no estudio. Despois gravaron directos en diferentes puntos da cidade. A parte musical rematará este xoves cunha proposta en vivo no Teatro Principal.

"Adicarte á arte é difícil, pero cunha discapacidade, máis: non existes"

"Por outra banda, en Bonobo sempre estamos intentando crear proxectos que involucren varias artes. Así que incorporamos a todo isto a Santi Paredes e a Alba Blanco, "profes" na escola, que se puxeron á fronte dunha serie de aulas de ilustración experimental", segue a contar Maceira. "A idea era publicar un libro, pero estaba claro que nos faltaba unha liña argumental. E eu sabía quen era a persoa perfecta para iso". Fala de Sergio González (Pontevedra, 1976). Maceira coñeceuno en Hefesto en 2013, cando coordinou un proxecto dentro deste programa municipal que traballa con persoas con distintas capacidades. Quedou impactado pola súa sensibilidade ("o que fixo naquel festival de fin de curso foi brutal"), así que cando se decatou de que alguén lle tiña que poñer palabras a 'Voces ocultas', chamouno a el. "Preocupábanos moito a mensaxe. Temos incluso a nosa propia palabra prohibida, o noso Voldemort particular, que é "discapacidade". Aquí falamos de inclusión real fóra de todo prexuízo. Diso é do que fala Sergio no seu poema, do que somos e do que podemos chegar a facer xuntos".

Para Sergio González foi unha sorpresa que Maceira quixera contar con el, porque non forma parte do equipo habitual de Bonobo. "Foi un orgullo. Porque, se xa é difícil adicarte a algo relacionado co mundo da arte en xeral, cando tes unha discapacidade aínda máis. Non existes. Que apareza alguén como Gonzalo é un sopro de aire fresco", conta. "Quixen transmitir algo complexo: como é unha persoa en realidade, máis alá da discapacidade. Pero somos todos tan distintos entre nós, que foi bastante difícil conseguilo. Tamén me preocupaba conectar co que se fai en Bonobo, co que fai Gonzalo. Porque eu non son tan "heavy" coma el. Así que tiven que aventurarme para acabar "falando" o seu idioma".

O poema que lles pasou Sergio González foi traballado por partes nas distintas aulas de arte. «O resultado, de verdade, é asombroso», sinala Maceira. O libro co texto e cos debuxos repartirase hoxe coas entradas do espectáculo no que se interpretarán as cancións que se incluíron no proxecto e no que se poderán ver as fotos realizadas nun obradoiro de Luciano Santiago e Lara Abeledo, tamén incluído na iniciativa.

"O máis complicado é poder traballar sen axudas. Este proxecto saíu adiante grazas á implicación do equipo de profesores de Bonobo. Pero sería fundamental poder contar con algo de financiamento. As axudas neste ámbito están dirixidas á inserción laboral, que é moi importante, por suposto, pero a creación e a arte tamén teñen unha vertente profesional. Facer fotos é traballar. Facer ilustracións é traballar. Facer música é traballar", di Maceira. "Este é o mellor exemplo: entre todos fixemos un libro composto por 68 páxinas, un poema e, entre todos, fixemos nove cancións. En seis meses. Isto é real. E, para min, significa moitísimas cousas".

Comentarios