SOS Sanidade Pública mobiliza centos de persoas para esixir o "fin da precariedade"

Unha vintena de localidades galegas acollen concentracións para reclamar a "recuperación" do sistema de saúde público
Javi Peregrina. Concentracion de Sanidade Publica para demandar atencion medica presencial
photo_camera Concentración deste mércores en Pontevedra. JAVIER CERVERA

Centos de galegos saíron este mércores ás rúas dunha vintena de localidades da comunidade para demandar a "recuperación" do sistema público de saúde, que a Xunta "reverta os recortes" no Sergas, poña fin á "precariedade" do seu persoal sanitario e restableza a presencialidade nos servizos de saúde interrompida pola crise sanitaria. Ademais, acusaron o presidente autonómico de "intentar apropiarse" dos logros na loita contra o covid "que pertencen exclusivamente aos traballadores da sanidade pública". 

As sete principais galegas, así como outra ducia de localidades de distintos puntos da xeografía galega, acolleron as protestas convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública. 'Cita presencial, non virtual' foi unha das consignas dos asistentes á concentración en Santiago, celebrada na Praza do Obradoiro. Baixo unha intensa choiva, unhas 200 persoas corearon proclamas como 'Non falta diñeiro, sobran ladróns' ou 'O público é servizo, o privado beneficio', antes de dar paso á lectura dun manifesto, que correu a cargo da cineasta, escritora e profesora Margarita Ledo

Gonzalo Caballero participou no acto en Pontevedra

"Estamos aquí para dicir á Xunta que temos que recuperar o sistema público de saúde", asegurou no arranque do texto, á vez que acusou a Alberto Núñez Feijóo de intentar "apropiarse" dos logros na loita contra a pandemia "buscando o seu beneficio político" ao "acaparar" as intervencións televisivas durante a crise sanitaria. 

Unha pandemia á que, segundo os promotores da protesta, o sistema público de saúde galego chegou "debilitado" e "falto de recursos" tras "anos de recortes", o que "aumentou a presión" sobre os profesionais do Sergas pola "asunción de novas funcións" derivadas do covid-19. 

Neste punto, os manifestantes advertiron de que a pandemia supuxo levantar "barreiras de acceso" aos servizos sanitarios, coa "suspensión de probas" e a "desatención" a outras patoloxías, algo que, din, provocou "un problema de saúde e un gran malestar social".

Na protesta celebrada en Pontevedra estivo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen incidiu en declaracións aos medios na "necesidade urxente" de "fortalecer" a atención primaria e un sistema de vacinación "que vén para quedar". "É necesario apostar por emprego de calidade para os profesionais sanitarios", engadiu, antes de reclamar á Xunta que "aposte e defenda" a sanidade pública galega. 

Comentarios