O superávit reduce a débeda do Concello en tres millóns

O saldo negativo da Administración local baixa a niveis de 1991

Raimundo González. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Raimundo González. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra logrou fixar a débeda municipal en pouco máis de doce millóns de euros, unha cifra similar á do ano 1991, despois de que a Xunta de Goberno decidise aprobar unha nova modificación de crédito para a súa amortización, na contía de algo máis de 3,3 millóns, fondos procedentes do superávit obtido tras o exercicio do ano 2017. A mesma comisión serviu para sacar adiante outra modificación "de carácter preventivo" por mor dos problemas existentes en relación cos terreos do edificio Véteris.

En total, en 2018 a amortización de débeda asumida polo Concello de Pontevedra ascendeu a máis de 5,2 millóns de euros, xa que aos citados 3,3 engadíronselle algo máis de dous millóns que xa estaban asignados inicialmente nos orzamentos, dedicados a reducir a débeda pública.

Hai que ter en conta, ademais, que nos 12.091.051,01 euros de débeda municipal (esa é a cifra exacta, segundo transcendeu) xa estaría incluído un préstamo de 1.980.000 euros que se atopa en fase de tramitación.

Os servizos económicos do equipo de Miguel Anxo Fernández Lores están moi safisfechos co balance das contas, que, como se dixo, aproxímanse moito aos 11,6 millóns de débeda que reflectían as contas municipais no ano 1991.

ANO A ANO. As mesmas fontes ofreceron os datos de débeda municipal asumida polo Concello de Pontevedra ao longo do tempo, tomando como punto de partida o citado ano 1991 e como data de referencia as eleccións de cada un dos mandatos.

Así, a débeda incrementouse nuns catro millóns no mandato que finalizou en 1995, ata fixarse en 15,8.

Catro anos despois, en 1999, as arcas pontevedresas sufriron o maior incremento neste apartado, alcanzando os 24 millóns, cun ascenso superior ao 60 por cento.

En 2003, xa co actual Goberno local á fronte do Consistorio, a débeda volveu crecer, pero menos: situouse en 28,7 millóns, o máximo da serie histórica obxecto de estudo.

En 2007, o Concello conseguiu rebaixar a cifra por primeira vez en moitos anos, quedando en 28,6 millóns. De aí en diante, os descensos serían moito máis importantes.

Así, en 2011 xa baixara ata os 23,5 millóns de euros e en 2015 ata os 18, unha cifra que seguiu costa abaixo ata os pouco máis de doce millóns cos que concluirá o exercicio 2018.

"As cifras amosan que a política económica do Concello resulta eficaz buscando o necesario equilibrio entre a amortización e a utilización dos recursos, seguindo a política marcada polo Goberno local", sinalan fontes municipais, que engaden que "ás veces amortizar e ás veces fanse investimentos, segundo as necesidades e prioridades». O Concello sinala que a actual taxa de débeda é "practicamente residual", supondo "unha porcentaxe irrisoria do PIB, ou 0,006 por cento, fronte a outras débedas como a da Xunta, máis dun 19, ou a do Estado, que supera ou 100 por cen do PIB".

Comentarios