Suspendido en Pontevedra o xuízo contra o responsable dunha aseguradora

O home está acusado de falsidade documental e apropiación indebida
Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu o xuízo sinalado para este martes contra C.B.H., o delegado de varias oficinas dunha compañía de seguros Mapfre na cidade do Lérez acusado de quedar co diñeiro de máis de 30 clientes ao, supostamente, imitar as súas firmas. 

O tribunal provincial sinalará unha nova data para a celebración do xuízo. A Fiscalía pide cinco anos de cárcere para este home polos supostos delitos continuados de falsidade en documento mercantil e apropiación indebida e unha multa de doce meses cunha cota diaria de 10 euros. 

Como indemnización, o Ministerio Público solicita que o acusado pague á firma para a que traballaba máis de 54.000 euros e outros 5.529 a unha das mulleres ás que presuntamente estafou. 

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado cometeu estes delitos "no desenvolvemento da súa actividade, movido pola intención de obter un beneficio económico e aproveitando a facilidade que lle reportaba o seu cargo para ter acceso á documentación das entidades e á depositada polos clientes". 

Entre os distintos feitos relatados pola Fiscalía consta que o acusado realizou reembolsos a contas bancarias a nome da súa esposa e da súa filla, modificou os pagos de primas e usou documentación que tiña á súa disposición sen a autorización dos titulares. 

Comentarios