O talento transformador do emprendemento galego enche de vitalidade a Boa Vila

Case medio cento de empresas participan na quinta edición do Pont-Up Store, que inclúe obradoiros e actividades formativas

Pepper, unha das estrellas do Pot-UpStore. RAFA FARIÑA
photo_camera Pepper, unha das estrellas do Pot-UpStore. RAFA FARIÑA

Empresas que sorprenden pola variedade de propostas, polo talento e a creatividade, pola aposta de innovación desde distintos ámbitos, polo compromiso social e pola vontade de apostar por un rural son as que enchen ata esta tardiña a praza de España, onde este venres se inaugurou a quinta edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store.

"Só consegue estar unha de cada tres empresas que o solicitan", sostén o director

As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Son 45 empresas participantes que combinan nalgúns casos varias modalidades de participación: 37 contan cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e dez participan no formato Talent Bussiness Puntazo Exprés, no que puideron dar a coñecer a súa idea de negocio a cinco executivas de empresas e entidades galegas, entre as que figura a directora do Cinbio e promotora da spin-off NanoInmunotech, África González, ou a produtora Teresa Fernández-Valdés (Bambú).

Outras seis iniciativas participan no programa de actividades demostrativas do espazo central da carpa, desenvolvendo propostas como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.

"Este encontro fomenta hábitos de emprendemento na sociedade", relata o presidente do Consello Social da UVigo

Durante o acto de inauguración, o reitor da Universidade de Vigo, Pachi Reigosa, explicou que o Pont-Up Store está "moi ben encamiñado co ADN da Universidade de Vigo, que aposta por implicarse no tecido socioeconómico, e devolver á cidadanía contidos de valor para xerar unha sociedade máis xusta, máis próspera e máis igualitaria". Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, asegurou, en representación de todas as entidades patrocinadoras, que "este encontro fomenta hábitos de emprendemento na sociedade" e "cimenta cidades máis avanzadas e sostibles". Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o formato do evento, xa que "permite visibilizar o talento do noso país a pé de rúa", e gabou "a gran calidade dos proxectos seleccionados durante estas cinco edicións, dos que un 89% continúa coa actividade". Neste sentido, Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, lembrou que "só consegue entrar unha de cada tres empresas que o solicitan, un síntoma da gran vitalidade empresarial que está vivindo o noso país". "O lema desta edición, que é o talento transformador, está visible aquí", salientou sobre unha edición na que a tecnoloxía e a visibilización da muller emprendedora foron os eixos "que marcaron gran parte das máis de 40 actividades" inseridas nun programa realizado "grazas á colaboración de máis de 80 persoas e institucións".

Nun acto que contou tamén coa presenza de Kore, a "deusa do emprendemento e a innovación", que centra a imaxe promocional desta edición, Figueroa puxo tamén de relevo a importante presenza das iniciativas baseadas nas novas tecnoloxías entre os seleccionados nesta edición.

COMIDA EN 3D. Unha das grandes apostas vén da man da gastronomía ligada a procesos tecnolóxicos. A empresa viguesa EXGA3D emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que sorprenden e que ademais poden achegar solucións ao mundo da saúde, elaborando por exemplo pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces, ou peixe para a cativada con formas máis divertidas e apetecibles. O proxecto está triunfando a nivel internacional e xa conta co apoio do Basque Culinary Centre. Este sábado ofrecerá un obradoiro para ensinar a imprimir a nosa propia comida.

A UVigo conta cun stand institucional no que un robot se move polo espazo a través de sensores cos que detecta posibles barreiras.

Comentarios