O teléfono de axuda psicolóxica recibe 25 chamadas en Pontevedra

A maior parte delas foron de nais que pedían apoio para os seus fillos adolescentes por dificultades para facer fronte ao confinamento

O confinamento está a facerse costa arriba para moitos pontevedreses. O teléfono de apoio psicolóxico ás familias habilitado polo Concello recibe chamadas e videochamadas diarias desde a súa posta en marcha, o pasado 29 de marzo.

Esta liña, que xestiona a Fundación Meniños --na foto, o psicólogo Roberto Antón--, atendeu un total de 25 comunicacións. A maior parte delas realizáronas nais que reclamaban apoio emocional e atención psicolóxica para os seus fillos adolescentes, que presentaban dificultades para soportar a prohibición de non saír de casa debido á alerta sanitaria polo coronavirus.

O servizo asistencial está a ser atendido por tres profesionais, concretamente un psicólogo, unha educadora e unha traballadora social. O teléfono está activo de luns a domingo entre as 10.00 e as 14.00 horas.

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, confirmou este martes, a través dun comunicado de prensa, que a asociación realiza un seguimento semanal dos menores que se puxeron en contacto con eles a través dun adulto. "O obxectivo é apoialos emocionalmente e ofrecerlles ferramentas útiles para afrontar este encerro", indicou a edil socialista, que recordou que a corentena é especialmente dura para os adolescentes, "para os que a vida social e saír cos amigos resulta esencial".

Paloma Castro: "O obxectivo é apoialos emocionalmente e ofrecerlles ferramentas útiles para afrontar este encerro"

PERSOAS MAIORES. Ademais destes casos, a Fundación Meniños tamén atendeu persoas maiores que vivían soas e que precisaban apoio psicolóxico. "As chamadas foron realizadas por familiares que estaban confinados fóra da nosa comunidade autónoma e que amosaban preocupación pola situación dos seus pais e nais. Tamén neses casos estase a levar a cabo un seguemento continuo con esas persoas para ofrecerlles apoio e atender posibles necesidades que poidan xurdir", engade Castro.

O resto de solicitudes rexistradas polos profesionais da citada asociación estiveron relacionadas con peticións de información. Moitos veciños mostráronse interesados en aclarar asuntos vinculados á mobilidade (desprazamentos, fundamentalmente), ao trámite de axudas sociais, recursos educativos e cuestións de carácter laboral.

A liña habilitada pola Fundación Meniños continuará activa ata que se levante a alerta sanitaria pola pandemia da Covid-19 para os veciños empadroados en Pontevedra. Os interesados poderán poñerse en contacto con este servizo a través do teléfono 678 75 49 33.

Máis liñas de interese municipal 
O Concello puxo en marcha varios números de teléfono para atender os cidadáns tras o peche das consultas presenciais nas distintas oficinas municipais debido á alerta sanitaria por coronavirus decretada polo Goberno central. 

Consultas e urxencias 
Para servizos municipais: 986 804 300 e 986 100 185, de 9.00 a 14.00 horas. Para a Policía Local: 986 848 334 (24 horas). 

Asistencia social 
986 850 398
ou 986 848 334. Dispoñibles entre as 8.00 e as 20.00 horas. 

Violencia de xénero 
As vítimas de violencia de xénero poden chamar ao teléfono 600 400 680. Funciona as 24 horas. 

Recollida lixo Covid-19 
Ás persoas que teñan coronavirus recolleráselles o lixo en casa. A comunicación para recibir este servizo farase a través da Policía Local no 986 833 080.

Comentarios