Terceira xornada de limpeza no Gafos da man de Vaipolorio

Nesta nova xeira, a asociación retirou do río 260 quilos de lixo, dos que 60 eran só cristal
Dous dos voluntarios con varias das botellas de cristal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dous dos voluntarios con varias das botellas de cristal. GONZALO GARCÍA

Por terceiro domingo consecutivo, os integrantes da asociación Vaipolorio, xunto con outros voluntarios, puxeron as luvas e dirixíronse a primeira hora da mañá cara á rúa Otero Pedrayo, o punto de encontro no comezo da senda rural do Gafos. Nesta nova xornada de limpeza, un equipo de 19 persoas, divididas en tres grupos co fin de facilitar o traballo e adecuarse ás medidas de seguridade actuais, retirou até 260 quilos de lixo dos diferentes tramos do leito do río nos que traballaron. Un aumento considerábel respecto dos 170 da xeira anterior, e que o presidente da asociación, Gonzalo Sancho, achaca ao lugar de actuación e, sobre todo, á diferenza de peso dos residuos atopados: "un pode botar toda a mañá recollendo plástico e non pasar dos 10 quilos, pero quen atope restos de voluminosos aumenta o peso total exponencialmente". Desta vez, 60 quilos do total retirado pertencen a diversas botellas de cristal, que o presidente data de preto dos vinte anos que leva a asociación actuando no río: "desgraciadamente no Gafos hai demasiado lixo que se botou noutro tempo, e iso non se retira en poucos anos". O resto dos quilos responden a residuos varios, entre os que destacan obxectos significativos como "varillas de ferro corrugado e algunha roda de coche".

A seguinte xornada de limpeza terá lugar o vindeiro domingo 23 de agosto. Para participar é preciso anotarse antes do sábado, mediante teléfono ou a través da páxina web da asociación.

Comentarios