Teresa Casal: "Eu son socialista, galeguista e feminista"

Casal regresa a primeira liña da política como número dous de Marea con reproches cara ao PSOE e con críticas sobre a xestión do BNG de Lores
 

Luís Rei e Teresa Casal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luís Rei e Teresa Casal. GONZALO GARCÍA

Teresa Casal regresa a primeira liña da política local. E faio baixo o paraugas de Marea, que este martes a presentou oficialmente como número dous da candidatura que Luís Rei encabezará nas eleccións municipais de maio de 2019. 

"Para ter unha ideoloxía non fai falta ter un selo na fronte nin un carné", sinalou Casal, que o pasado mes de setembro se daba de baixa do PSOE, partido polo que foi tenente de alcalde da cidade entre 2003 e 2011. "Eu saín moi desencantada do sistema orgánico dos partidos tradicionais", comentou en clara referencia aos socialistas, que hai dous mandatos deixaron de contar con ela. 

A agora número dous de Marea asegura que nesta coalición se sente "a gusto". E que o "feeling" coa súa cabeza de cartel, Luís Rei, é total. "Inspiroume confianza", engadiu.

O seu nomeamento deberá ser ratificado pola asemblea da plataforma xurdida do movemento dos indignados, aínda que Rei dábao este martes por feito. "Superará a proba do algodón", explicou o candidato e portavoz de Marea.

Casal preséntase como unha candidata independente, sen "rancor" pero decepcionada cos seus antigos compañeiros na Corporación. "Eu son socialista, galeguista e feminista. Canto máis maior me fago síntome máis rebelde con estas situacións", dixo en referencia á loita pola igualdade. 

No marco dun almorzo informativo coa prensa local, a que fose líder do PSOE de Pontevedra cargou contra o seu antigo partido e criticou a xestión do actual Goberno da cidade: o do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores. 

A súa exformación repróchalle que non defenda proxectos impulsados por ela e o seu equipo cando estaba no Concello. E ao Bloque cuéstionalle o seu "enxordecemento". "Non foi nunca quen de falar e de escoitar á xente. E iso é algo que Pontevedra necesita", asegurou.

A fichaxe de Teresa Casal suporá, na práctica, que Podemos se desligue da marca electoral que Marea presentará aos comicios do ano que vén. "Na lista hai xente de todos os partidos que se presentaron ás primarias", matizou Luís Rei. "A cúpula (de Podemos) decidiu estar á marxe, é o seu problema", resolveu.

Comentarios