Tino Fernández, alcalde accidental de Pontevedra por uns días

Exercerá o cargo ata o sábado pola viaxe de Lores ao congreso Cidades que Camiñan. Pontevedra aprobará os seus orzamentos a dez días da campaña das autonómicas, nun pleno que se celebrará o luns 9

Gon Tino Fernandez comparece para valorar los Presupuestos de 2020. Sala de prensa del Concello., miércoles, 5 feb · 11:15–11:15
photo_camera Tino Fernández. ARQUIVO

O tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, exercerá entre este xoves e o vindeiro sábado de rexedor accidental debido á ausencia de Miguel Anxo Fernández Lores, que asistirá ao congreso das Cidades que Camiñan que se celebrará en Cádiz.

Segundo explicou o Concello nun comunicado, Lores preside este xoves a reunión da asemblea xeral das Cidades que Camiñan, que se celebra no Palacio de Congresos da urbe andaluza. Nas sesións do venres e o sábado Pontevedra terá "un especial protagonismo" ao participar en dúas mesas redondas sobre Cidade 30 e estacionamentos. Nelas disertará o director xeral de Mobilidade, Daniel Macenlle, quen tamén viaxará co alcalde. 

Ademais, Fernández Lores participará nunha mesa redonda baixo o título Da mobilidade ao espazo público xunto ao alcalde de Cádiz, José María González Kichi, e outros expertos do ámbito da mobilidade como o xefe da unidade de normativa da DXT.

CONTAS. Tino Fernández presidiu este mércores por primeira vez a xunta de portavoces de Pontevedra, tras a que avanzou que o orzamento municipal de 2020 se aprobará definitivamente no pleno ordinario do luns 9 de marzo, que se adianta sobre a data habitual para evitar a súa celebración en plena campaña das eleccións autonómicas do 5 de abril.

A xunta de portavoces abordou o contido das dúas sesións previstas para o luns. A primeira, que durará apenas 15 minutos, será a do sorteo de mesas para os comicios autonómicos e a segunda ás 11.45 horas, a dos orzamentos.

Segundo apuntou o socialista, "a hora foi proposta polos integrantes do PP, que a primeira hora teñen un acto". Dos populares parten tamén os outros dous temas que se incluirán na orde do día: unha proposta de arranxo integral do parque O Mirador, de Monte Porreiro, e unha modificación do proxecto do skate park. 

En alusión ás contas municipais, Fernández sinalou que se trata dunha "cuestión formal" e que, en todo caso, "non vai haber modificacións" sobre o documento aprobado inicialmente en pleno o pasado 7 de febreiro, un dos de maior contía na historia da capital provincial ao superar os 79,33 millóns de euros

Precisamente nesta sesión as contas contaron co voto favorable do bipartito (BNG e PSOE), pero tamén do único concelleiro de Ciudadanos, Goyo Revenga, que por mor desta decisión motivou que o seu partido o suspendese de militancia ao romper a disciplina de voto. Deste xeito, o PP quedou só no seu rexeitamento ás contas.

Comentarios