Tino Fernández, disposto a dialogar "sen liñas vermellas" para chegar un acordo con Lores

O portavoz do PSOE só establece un límite: "Non votaremos xamáis a investidura dun alcalde do Partido Popular"

Tino Fernandez. JAVIER CERVERA.
photo_camera Tino Fernandez. JAVIER CERVERA.

 Os catro edís que conformarán o Grupo Municipal do PSOE durante o próximo mandato mantiveron ao longo da mañá deste xoves unha primeira reunión de toma de contacto co obxectivo de analizar os resultados das eleccións do pasado 26-M "que foron moi positivas e das que o partido saíu realmente reforzado", manifestaron. Tras o encontro, o líder dos socialistas pontevedreses, Tino Fernández, mostrou a súa disposición e a da agrupación "para sentarse a falar, explorar as vías de colaboración e acadar un acordo de goberno que permita xestionar Pontevedra con estabilidade durante estes catro anos".

O portavoz do PSOE recorda que o diálogo "forma parte do ADN" do seu partido e avanza que "non se establecerán liñas vermellas", coa excepción "por coherencia política e ideolóxica", dunha: "Non votaremos xamáis a investidura dun alcalde do Partido Popular". Tanto Fernández como os seus compañeiros Gloria Blanco, Iván Puentes e Paloma Castro consideran que "os cidadáns de Pontevedra enviaron a través das urnas unha mensaxe de cambio ben clara".

"Gran parte dos méritos que a cidadanía lle atribúe en exclusiva a Lores, acadóunos cando concelleiros do PSOE formaban parte da Corporación", di Tino Fernández. "Ata o propio BNG admite que a Pontevedra foille mellor cando nós estabamos. A parálise que houbo no último mandato foi evidente", engadiu o socialista.

Comentarios