Tino Fernández tacha de "patéticas" as críticas do PP pola xestión do emprego

O socialista responde a Rafa Domínguez, que lamentou a tardanza en elaborar un estudo tras coñecerse queel Concello encargoullo á Zona Franca de Vigo
Tino Fernández. DP
photo_camera Tino Fernández. DP

"Estas declaracións só se entenden se son froito dun golpe de calor que anubrou o entendemento do señor Dominguez". Con estas palabras respondeu este xoves o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, ás acusacións realizadas un día antes polo responsable municipal do PP, Rafa Domínguez, sobre o estudo económico encargado á Zona Franca. Unhas palabras que o socialista tachou de "patéticas".

"Parece mentira que a estas alturas se teña que andar explicando as diferenzas entre os órganos dun partido e un ente como a Zona Franca, dependente do Ministerio de Facenda.  Será porque o PP está acostumado a confundir as estruturas do partido coas Institucións", sinalou Fernández, quen, fronte ás críticas do popular, destacou o labor que se realiza desde a concellaría de Promocion Económica para "potenciar a actividade económica" de Pontevedra.

"O que facemos os socialistas é querer á nosa cidade, aproveitar unha oportunidade de colaboración e tratar de sacarlle ó máximo rendimento ás institucions públicas. E quero lembrarlle ao PP que durante sete anos houbo unha delegada da Zona Franca que, ademais de ser dese partido, era veciña de Pontevedra. E non consta que se preocupase o mais mínimo por esta cidade", criticou. 

AS CRÍTICAS. O responsable municipal do PP non ocultou este mércores a súa sorpresa e contrariedade porque o Concello acorde coa Zona Franca de Vigo a realización dun estudo para frear o desemprego na cidade, "á vez que se enorgullecen de ser os responsables de que 500 familias da cidade que traballan para Ence váianse a ir á rúa".

"Dous anos tardou a concelleira de Promoción Económica en decidir que necesita axuda externa para mellorar a competitividade económica de Pontevedra e considera que a mellor opción é buscala no presidente provincial do seu partido", argumenta Domínguez.

"Non entendemos que este convenio quede supeditado ao PSOE de Vigo. Cremos que o Concello ten os recursos suficientes como para levar a cabo este estudo", engade o popular.

"Parécenos lamentable que logo de dous anos a concelleira aínda non teña tempo para recoñecer como está a economía de Pontevedra e recorrera un axente externo. É a proba de que o seu traballo foi máis ben pouco", incide.

"É unha decisión, a de encargar este estudo, que nos produce pena pola situación tan crítica que sofre a cidade. Pero noutro momento incluso produciría gargalladas", agrega Domínguez, quen amplía a súa argumentación dicindo que o Concello llo podía pensar antes de presentar un recurso xudicial que terminará co emprego de 500 familias da nosa cidade: cando o fixeron non lles importaba o traballo na cidade entón".

No que si coincidiu o líder do PP local foi nas palabras do tenente de alcalde, Tino Fernández, cando se presentou este documento e dixo que Pontevedra non era unha cidade para só durmir e pasear: "Necesitamos que as empresas volvan á cidade para que os mozos teñan un futuro aquí e non teñan que irse, como están a facer na actualidade", destaca Rafa Domínguez.

Comentarios