Tania Ameneiro: "Todas temos que ter dereito a ser nomeadas"

É unha das impulsoras de OIladas disidentes, dispoñible no CIFP AXunqueira para rachar cos roles de xénero
Tania Ameneiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Tania Ameneiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Profesora no Ciclo de Promoción da Igualdade do CIFP A Xunqueira, é unha das impulsoras da mostra organizada polo alumnado Olladas disidentes, dispoñible no patio do centro e na web (tentatoura.com/cifp_xunqueira).

En que consiste a exposición?

Este é un primeiro paso dun proxecto de acción e creación que xorde do profesorado e do alumnado do Ciclo de Promoción da Igualdade e tamén de persoas desempregadas que se forman neste centro. Pensamos en xogar coa linguaxe visual, revelando estereotipos que xa non nos representan. Para iso era moi interesante que o alumnado traballara de maneira cooperativa, construíndo a aprendizaxe de forma colectiva. Tratábase de que todas e todos pensaran escenas da realidade e lle deran a volta, ideándoas, debaténdoas... Logo levámolas á práctica coa fotógrafa Iria Pinheiro, que tamén é actriz e asesorounos á hora de que o propio alumnado posase. Ademais, contamos coa axuda de dous deseñadores de Pontevedra, Xandre Outeiro e Diego Boullosa, que procesaron e prepararon o material para que sexa accesible nun espazo web. Aí pódese ver toda a mostra e recibir as opinións de quen a visita. Dicíamolo na presentación, esta é a nosa ollada e queremos darlle a volta a esa realidade que xa non nos representa, queremos abrazar a diversidade e a pluralidade. A liña é a de promover un entorno moito máis respectuoso, con sororidade, onde poidamos falar e compartir. Tamén estamos traballando na linguaxe inclusiva. Se é importante traballar a imaxe hoxe en día, e máis entre a xente nova, tamén hai que entender que todas temos que ter dereito a ser nomeadas. O que non se nomea non existe.

Sobre isto último hai moito debate. Tíldase como ridículo dicir fillos, fillas e filles, por exemplo.

Nós, dende a diversidade e a pluralidade, cremos nun mundo no que todos poidamos estar presentes e sexamos nomeados. Dende esta unidade mínima de transformación que é a comunidade educativa expándense os cambios, podemos construírnos e deconstruírnos a partir de aí. Eu creo que cada quen libremente, de maneira natural, ten que integrarse. Ás veces parámonos moito en pequenos detalles, pero trátase simplemente de convivir, de promover procesos de transformación nos que, por outra parte, na comunidade educativa hai disposición sempre que o alumnado ten referentes.

O título da mostra é Olladas disidentes. Na considerada cuarta vaga do feminismo, a perspectiva feminista segue a ser disidencia?

Co termo disidencia queriamos ir un pouco máis alá, rebelarnos. Queriamos empezar co visual, pero isto pode dar moito de si, con debates disidentes, corpos disidentes... O concepto mesmo de disentir de algo e, á fin e ao cabo, promover unha conciencia crítica, consiste niso. Comezamos cunha ollada, para ver, pero pode haber máis iniciativas.

A comunidade educativa é a unidade mínima de transformación, dende aí expándense os cambios

Unha das fotografías amosa un vestiario con corpos normais de mulleres, sen as formas imposibles da publicidade. Que importancia teñen estas imaxes nun instituto?

Con isto escenifícase a realidade. Somos diversas e os nosos corpos son así. Amosar o real funciona moi ben. Nesa escena hai mozas e un mozo e chámase Corpografías rev(b)eladas. É moi impactante, é das que máis chama a atención.

Tamén é moi fácil de entender o machismo cando se invirten os roles. Cal é a reacción do público cando ven estas imaxes?

Si, temos unha fotografía na que un home posa con pouca roupa xunto a unha moto, como podería ocorrer nun anuncio cunha muller hipersexualizada, e unha rapaza posa vestida de mecánica á súa beira. Este tipo de imaxes explícanse soas no momento. Polo de agora, nós estamos recollendo as ideas do público para saber cal é o impacto que teñen. Queremos saber se estas imaxes remexen e deconstrúen.

Supoño que o alumnado do ciclo ten xa certa sensibilidade, mesmo a xente que visite a exposición. Pero, fóra dese ámbito, o feedback que chega deste tipo de contidos moitas veces está cargado de violencia, sobre todo nas redes.

Hai aínda moito que avanzar. Temos que chegar a moito máis alumnado porque, efectivamente, este grupo de alumnas están máis sensibilizadas, pero insisto en que este tipo de iniciativas pequeniñas van conseguindo pequenos logros, son como pingas de auga que logo forman ríos. Eu creo que son estes os espazos nos que temos que traballar. Como dicía antes, a escola é a unidade mínima de transformación, xa dende os niveis máis baixos como a Educación Infantil e Primaria. É moi importante que a perspectiva de sexo e xénero se incorpore a todas as etapas educativas de maneira transversal. Cada vez hai máis proxectos de intervención socioeducativa moi interesantes e os equipos directivos están avanzando moito, pero hai que darlle continuidade. Todo iso vai influír despois na sociedade. As crianzas que estamos educando agora serán nuns anos persoas adultas que terán fillas e fillos aos que lles amosarán unha nova mirada.

O feito de que o feminismo estea de moda axuda ou é unha forma de frivolizar a súa mensaxe?

Eu creo que é importante que haxa referentes e que estea presente. Non penso que haxa que poñelo nesa dualidade, esa é a mensaxe que se transmite dende os medios de comunicación. Vaiamos aos espazos de encontro da mocidade, é aí onde temos que centrarnos e traballar. 

Comentarios