O tostado galego, o viño que xerou "máis felicidade per cápita" en Galicia

Xavier Castro reivindica as cualidades deste "tesouro descoñecido" nun novo ensaio que presentará en Pontevedra
Xavier Castro, co seu último libro. DP
photo_camera Xavier Castro, co seu último libro. DP

Tras retratar o día a día dos galegos do século XIX e XX en Servir era o pan do demo (Editorial Galaxia), o historiador e grande estudoso da gastronomía galega Xavier Castro (Cangas, 1954) proponse agora sacar á luz un "tesouro descoñecido" para moitos galegos: o viño tostado. Faino cun ensaio titulado Tostado. El vino noble de Galicia (Acuarela Comunicación), que presentará este luns, ás 20 horas, na sala Nemonon (Villa Pilar, rúa Marqués de Riestra, 11), nun acto no que o autor estará acompañado polo xornalista experto en gastronomía Guillermo Campos:

"É un relato sobre un tesouro descoñecido. O obxectivo é desvelar algo valioso do que o 90% dos galegos non teñen conciencia do seu valor", explica o autor. Para facelo, Castro emprega un estilo ameno e apóiase nunha ampla documentación. "É riguroso. Ten amenidade porque está escrito dunha forma non académica, con moitas anécdotas e referencias literarias, de Emilia Pardo Bazán, de Blanco Amor, de Camba...", sinala.

Sobre as razóns polas que o tostado galego é un gran descoñecido, Castro teno claro: "A causa é que é un viño moi caro porque é moi difícil de elaborar. Levaba moito tempo e moito esforzo e, polo tanto, costaba moitos cartos, 30 ou 40 veces máis que o viño branco ou do Ribeiro normal. Isto dificultou a súa difusión, pero é marabilloso", insiste. "Faise desde a Idade Media. É un viño que ten máis de 500 anos. Facíano os colleiteiros pero tamén nas adegas dos pazos. Era un viño da fidalguía galega e da aristocracia", engade.

Ademais, apunta Xavier Castro, "tamén é descoñecido porque os galegos temos pouca autoestima cultural e esquecimos este viño igual que esquecimos a lírica galaicoportuguesa, os poemas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir, dos que non quedou ningunha memoria durante máis de 300 anos, ata que a finais do século XIX comezos do XX redescubrimos esa tradición marabillosa da literatura galega". "Co tostado, que é un tesouro de valor equiparable á gran literatura medieval no capítulo da enoloxía, tamén perdimos a memoria -subliña-. No primeiro tercio do século XX houbo bodegas, pero logo perdeuse a tradición e o franquismo arrasou con todo, tamén con ese tesouro. Hai 20 ou 30 anos nada máis que unhas adegas do Ribeiro comezaron a recuperar esa tradición marabillosa porque é un dos mellores viños de Europa sen ningunha dúbida". 

PARA CELEBRAR. Tratábase dun viño "para celebrar". "É o xerez de Galicia pero mellor -afirma Xavier Castro-. Nos pazos cando había algunha efemérides abríase unha botella, por exemplo, cando nacía un neno. E cando morría alguén dábanlle un groliño cando estaba agonizante para suavizarlle o trance. Tamén se bebía nas vodas e na primeira comuñón, como relata Blanco Amor en La catedral y el niño. Ademais tomábano as mulleres cando daban a luz para suavizar a dor do parto e despois como reconstituínte. Era un medicamento. Cando había males do corpo ou do espírito recurríase ao viño tostado", sinala.

Así mesmo, o historiador destaca a polivalencia deste caldo: "É un viño de aperitivo, de sobremesa ou para tomar de merenda acompañado de rosquillas, de bica ou dalgún doce dese estilo. Tamén para tomar ás once, a media mañá, e seguir traballando con máis forza". 

"A razón de que sexa tan marabilloso é que é un viño xenuíno de Galicia, sobre todo do Ribeiro, pero tamén se facía no Rosal, na Ribeira Sacra, en Valdeorras e en Pontevedra. E desde Galicia exportábase a Inglaterra. Os ingleses, tolos polo tostado, antes de descubrir o xerez descubriron o tostado galego", destaca Castro.

Ademais da nobreza inglesa, o viño tostado fixo moi felices aos galegos. "O tostado galego é un dos mellores viños de Europa e dos que máis felicidade per cápita suscitaron en Galicia", conclúe Xavier Castro.

Elaboración "completamente natural"
O gran valor do tostado galego radica na súa composición e elaboración. "É un viño completamente natural, elaborado por pasificación, colgando dun tendal os mellores racimos de treixadura, deixando que fosen convertidos en pasas e logo espremendo -explica Xavier Castro-. Quedaba moi pouco porque a uva dehidratábase moito e o resultado era moi escaso e moi caro. Despois facíase unha crianza en barrica antes de embotellar. Polo que un tostado podía ter tres anos, cinco, oito.. Chegaba aos 15 grados". 
"Supera ao xerez, ao málaga ou ao oporto porque estes viños son encabezados con alcol: a uva fermenta, alcanza un grado insuficiente e refórzano con alcol. Polo tanto, teñen un complemento artificial que os desnaturaliza. O tostado galego non necesita iso. O tostado galego é completamente natural", salienta o historiador cangués. Na súa opinión, "só se fan viños así de marabillosos, obtidos por sobremaduración da uva, nunha zona de Francia (o viño Sauternes) e en Hungría (o Tokay), aínda que con outras características". 

Comentarios