As toxinas pechan o marisqueo a pé na ría por terceira vez en menos de 15 días

O sector teme que a alerta biolóxica faga que os compradores devolvan a ameixa extraída este martes na praia. O parón coincide coa activación do sistema que por primeira vez permite a poxa online en Campelo
undefined
photo_camera Un cubo cheo de ameixa xapónica nunha praia do fondo da ría de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Terceiro peche en menos de 15 días. O marisqueo a pé da ría de Pontevedra volve paralizar a súa actividade como consecuencia das toxinas. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) confirmou este mércores ás tres confrarías pontevedresas a prohibición de extraer bivalvos das praias. A comunicación produciuse pola mañá, pouco antes de que se iniciase a xornada laboral nos areais dos Praceres (Lourizán) e O Ameixal (Lourido). A alerta volveu pillar por sorpresa a moitas persoas.

"Caeunos moi mal a todos porque é un día que perdemos de traballar. E se non se traballa non se gaña", expón a patroa maior da confraría de San Andrés de Lourizán, Carmen Vázquez Nores, que recorda que o peche decretado pola Xunta a través de Intecmar é o primeiro con carácter definitivo de 2021. Os outros dous, que tiveron lugar o 14 e o 20 de abril, foron cautelares.

Incluíndo o deste mércores, os episodios de toxina na ría pecharon as praias durante seis días no que vai de ano, todos eles este mes. O impacto económico foi menor porque só tres destas xornadas eran laborables para o sector marisqueiro.

Carmen Vázquez Nores: "O peche caeunos a todos moi mal porque é un día que perdemos de traballar. E se non se traballa non se gaña"

A nova alerta biolóxica podería durar máis tempo, posto que a súa reapertura está condicionada ao resultado de polo menos dúas analíticas que deben realizarse espaciadas no tempo para medir a evolución das substancias lipofílicas, que poden causar graves problemas de saúde pública.

O parón afecta a 438 persoas que, segundo o plan de explotación do sector, traballan na extracción de bivalvos nas praias do fondo da ría pontevedresa. "A vantaxe que temos agora é que cando hai un cesamento de actividade podemos pedir o paro ao día seguinte e non agardar ata o mes seguinte, como ocorría antes", sinala Vázquez Nores.

O patrón maior da confraría de San Gregorio de Raxó, Iago Tomé, sinala que este novo peche pode provocar que os compradores devolvan a ameixa extraída este martes. A cadea de venda ten dereito a retornar a mercancía 24 horas antes de que se declare un episodio de toxina.

Iago Tomé: "Co novo programa da lonxa a poxa xa non ten que ser presencial. Os clientes son os mesmos: as depuradoras e Mercadona"

Tomé, que tamén preside a lonxa de Campelo, recorda que o novo parón coincide coa posta en marcha dun novo sistema na rula poiense que permite, por primeira vez, a poxa de marisco online. A plataforma impulsada pola Xunta, chamada Primar, utilízase noutros mercados galegos para facer máis accesibles as poxas e mellorar a comercialización de produtos do mar.

"Co novo programa da lonxa a poxa xa non ten que ser presencial. Antes tiñan que desprazarse a distintas lonxas para mercar", indica o máximo responsable da lonxa de Poio, que asegura que a pesar desta nova ferramenta tecnolóxica, "que aínda está verde", "os clientes non variaron e seguen a ser os mesmos de sempre: as depuradoras e Mercadona".

O episodio chega con bos prezos do bivalvo 
O novo episodio de toxinas chega con bos prezos para o bivalvo, que esta semana chegou a marcar un máximo de 45,30 euros na variedade fina e 14,30 euros na japónica. 

A xapónica manda 
A xapónica é a especie que máis beneficios xera en lonxa de Campelo. Segundo datos oficiais, no que vai de ano vendéronse 138.127 quilos deste tipo de ameixa, que facturou 1.353.612 euros, o 83,2% dos 1.627.049 euros que moveu a rula de Poio entre o 1 de xaneiro e o 28 de abril de 2021.

Comentarios